Perfumaría de autor: a exclusividade ten o seu propio recendo tamén en Galicia
As coñecidas como fragrancias de nicho son producións limitadas que as converten en obxectos de desexo ao alcance só duns poucos
Son fragancias creadas por artesáns ou narices perfumistas.
"Digamos que é o máis top que hai dentro do mercado en canto a fórmulas, en canto a innovación, en canto a ingredientes porque están elaborados con ingredientes reais e non con sintéticos de laboratorio", explica David Gigirey quen ten máis de 20 anos de experiencia no sector.
Na chamada perfumaría de nicho cada recipiente agocha tras de si unha historia.
"Aquí crean un perfume inspirado nos atardeceres de Mónaco, nesas mulleres con vestidos longos, os camareiros con bandexas de cava, é dicir, é un perfume que contén champán, pomelo rosa, pementa negra. É certo que é moito máis evocador, máis lixeiro, más fresco, tamén un pouco máis sofisticado", argumenta David, propietario da tenda especializada AMUSKO.
Yevhen Rubaniak, responsable de HRYF, explica unha das propostas da súa tenda: "Esta cabeza está inspirada na dun guerreiro chno que se chamaba Lü bu. Xa é unha fragancia máis especial porque era un guerreiro que gañaban todas as batallas, pero tamén era como moi traizoeiro. Ten notas de sangue, metálicas e pólvora".
Recendos que se presentan como experiencias para quen as cata. Para Yevhen o que se pretende "é acompañar ao cliente e buscar como se define, é dicir, segundo o seu estilo de vida ou sensación que queres percibir".
Son producións exclusivas nas que non se paga a marca. Págase a materia prima.
"A realidade é que podemos atopar perfumes nicho desde un prezo de partida duns 85 euros", asegura David, quen abriu na Coruña a primeira tenda especializada de Galicia. Cinco anos despois xa non é o único.