Rueda e Barbón piden mellor financiamento e impulso ás infraestruturas do noroeste
O socialista Barbón coincide co presidente da Xunta: votará non á proposta financeira do Goberno central se non se atenden as demandas históricas das dúas comunidades
Alfonso Rueda e Adrián Barbón coinciden en pedir máis fondos e máis infraestruturas para Galicia e Asturias.
Na semana en que o Goberno central convocou ás comunidades autónomas para negociar bilateralemte o novo modelo de financiamento autonómico, os presidentes de Galicia e Asturias coinciden en afirmar, ademais coas mesmas palabras, que o que é de todos debe negociarse entre todos.
Rueda e Barbón reafirman tamén que se Facenda non cambia os criterios, votarán non, porque, reiteran, a declaración de Santiago que asinaron oito comunidades de distintas cores políticas, segue vixente.
Galicia e Asturias rexeitan a proposta sobre o modelo de financiamento do Goberno, porque non atende reclamacións históricas das dúas comunidades, como o custo dos servizos en poboacións dispersas.
"Nós quedamos de antepenúltimos no financiamento. E prímanse outros factores que están pedindo outras comunidades autónomas, especialmente algunhas que teñen especial poder influencia sobre o Goberno", asegurou Rueda.
"Eu téñoo moi claro eh... Ou hai modificacións moi claras, no sentido, por exemplo, do envellecemento, a orografía, a dispersión..., cuestións que a nós nos afectan, e que estamos vendo que nos penalizan..., Asturias votará non", afirmou o presidente asturiano.
O responsable do Goberno galego volveu rexeitar o "divide e vencerás" e as negociacións bilaterais que expón o Goberno central, que presentou unha proposta de financiamento autonómico na que, tal e como subliñou Rueda, "baixa moito o peso da dispersión poboacional e do envellecemento no repartición dos fondos".
E ante o impacto das guerras e crises internacionais nas economías autonómicas, o socialista Barbón receita buscar máis mercados internacionais e impulsar novos sectores.
"Creo que a industria de defensa é moi importante remarcala", dixo Barbón.
E Rueda reivindica garantir a autonomía enerxética, apostando pola minería e renovables, para atraer investimentos como o da multinacional chinesa SAIC.
"Se o fixo é porque, no medio de toda esta crise, viu que a estabilidade política e a aposta con firmeza polo que nos fai medrar, é algo que lles influiu para a decisión de instalarse en Galicia", asegurou Rueda.
En materia de vivenda, o presidente galego apelou á necesidade de habilitar políticas útiles e reais, tal e como está facendo, defendeu, a Xunta, que "xa ten en marcha as 4.000 vivendas públicas que comprometera para 2028 para cumprir o obxectivo de duplicar o parque público de fogares". "Imos entregar este ano as primeiras", salientou.
O impacto do Estatuto Marco
No ámbito sanitario, lamentou "a incapacidade do Gobierno central de chegar a un acordo cos médicos para deter as folgas contra o Estatuto Marco, que están a repercutir na atención dos pacientes (e que en Galicia causaron xa a suspensión de case 245.000 actos asistenciais)".
A pesar de todo, reivindicou a sanidade galega como "un sistema punteiro e de vangarda", con fitos como o futuro centro de protonterapia: o primeiro que abrirá na sanidade pública.
Como símbolo da unión entre Galicia e Asturias, os dous presidentes izaron xuntos a nova bandeira do concello de Ribadeo, localidade na que participaron no foro Encontros no Eo.