Publicador de contidos

Publicador de contidos

A memoria das lavandeiras da Seca rexorde na veciñanza de Pontevedra

A memoria das lavandeiras da Seca rexorde na veciñanza de Pontevedra

A exposición de Xoana Abraira amosa as condicións laborais e as protestas das lavandeiras en 1907

Os veciños empregan esta mostra para reclamar o patrimonio desaparecido e o estado do río Valdecorvos

G24.gal 08/11/2026 21:18 Última actualización 08/11/2026 21:57

En Pontevedra recuperan a memoria das lavandeiras que noutrora aproveitaban a auga do Valdecorvos para a bogada. En 1912 unha doazón de Casimiro Gómez permitiu erguer alí un dos maiores lavadoiros de Galicia do que hoxe non queda practicamente nada en pé, pero si está no recordo.

A principios do século pasado ao pé de cada río os lavadoiros eran espazo de encontro e traballo para moitas mulleres que chegaban coas bañeiras na cabeza e lavaban para si e para fóra para gañar o sustento.

Esta imaxe é o que queda daquela época do lavadoiro do barrio da Seca, en Pontevedra. Hoxe só hai o resto de tres columnas do que foi un edificio de 20 metros de longo, pero quixeron recuperar a historia coa exposición da artista Xoana Abraira.

"Ao comezar a investigar atopo a información dunha folga de lavandeiras que se produciu na Coruña en 1907 e chamoume moita á atención. Era comezos do século XX e era un grupo de mulleres que estaban sindicadas nun sindicato anarquista e a raíz de aquí centreime en investigar os espazos de lavado da Coruña", explica Xoana Abraia, creadora de "Un lugar para atoparnos entre fontes e lavadoiros".

Apareceu a lavadora e con ela foi esmorecendo o patrimonio, e tamén, como mostra Abraira o recoñecemento dun traballo feminino mal pago e pouco valorado: coas mans metidas na auga xeada, o lombo encollido e o mulido na cabeza para carrexar quilos de roupa.

"Por outro lado creo os lavadoiros tamén terían esa parte fermosa de que eran un espazo de encontro, de transmisión cultural onde se xuntaban as mulleres. Era un espazo seguro para contar segredos e para contar historias", conta Xoana.

Neste barrio o lavadoiro desapareceu e o río quedou soterrado polo crecemento da cidade. Agora anega as rúas a pouco que chove, con problemas de salubridade e xa non se pode ver o que foi. 

"O que nós queremos é que a xente entenda que aí había un lavadoiro inmenso, que non se fixo o traballo para manter ese patrimonio cultural, e que había unha figura da lavandeiras moi importantes. E que se entenda tamén o porqué este río vai por aquí e que agora mesmo segue canalizado. E que entendan tamén que se pode integrar dunha forma correcta na urbanización se se fan as cousas ben" explica Ángel Fontenla, da Mesa polo río Valdecorvos.

Ata o 20 de novembro a exposición estará na Casa das Campás.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade