A maxistrada ratifica o ingreso en prisión provisional dos tres acusados de matar un home no barrio coruñés dos Mallos
A maxistrada ratifica o ingreso en prisión provisional dos tres acusados de matar un home no barrio coruñés dos Mallos
Os tres investigados volveron acollerse ao seu dereito a non declarar

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña ratifica o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, dos tres acusados que, unha vez máis, volveron acollerse ao seu dereito a non declarar.
Cada detalle novo que se coñece só lle engade sordidez a este asunto.
Segundo o informe preliminar da autopsia, que non é o definitivo, a asfixia foi a causa da morte.
Sábese que dous dos procesados pelexaran na rúa coa vítima á que acusaban de roubarlles un sobre con 1.500 euros. Depois foron á vivenda dos Mallos onde se cometeu o crime. Unha vivenda que funcionaba como pensión e onde se vendía e consumía droga.
Alí pecharon a vítima nun cuarto e torturárono. Segundo ese informe da autopsia, o falecido presentaba contusións por todo o corpo, no cranio, nas órbitas dos ollos e na boca.
Tamén presentaba unha ferida na cavidade anal producida cando aínda estaba viva e tras introducirlle os acusados un pau polo ano para comprobar se agochaba substancias estupefacientes ou cartos.
Arestora están investigados por un delito de homicidio sen prexuízo do que depare a instrución xa que unha vez que estea pechada poderían ser investigados por un delito de asasinato.