Publicador de contidos

A madrugada deixa forte chuvia en Ourense, no sur de Pontevedra e na montaña de Lugo

A madrugada deixa forte chuvia en Ourense, no sur de Pontevedra e na montaña de Lugo

Vilariño de Conso, As Neves e Maceda rexistran máis de 30 litros por metro cadrado

G24.gal 21/09/2023 10:21

Concellos de Ourense, algúns do sur de Pontevedra e puntos da montaña de Lugo son as zonas onde esta madrugada se rexistraron máis precipitacións, nunha noite en que Galicia tivo vixente un aviso amarelo por posibles acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas.

Polo momento non se superou esta cifra, pero si se aproximaron, por exemplo, en Vilariño de Conso. Foi este o concello galego onde máis choiva caeu, con 36,1 litros por metro cadrado ata as 9:30 horas da mañá deste xoves, de acordo con os medidores de Meteogalicia no Invernadeiro.

Ségueno os concellos de Maceda, onde no alto do Rodicio se notificaron 30,6 l/m2; As Neves, con 30,7 l/m2 na estación meteorolóxica de San Nomedio, e Manzaneda, con 29,6 l/m2 recollidos na cabeza de Manzaneda.

Tamén rexistraron abundantes precipitacións a montaña de Lugo, como é o caso de Folgoso do Courel, con 28,4 l/m2, e o Alto do Poio, en Pedrafita do Cebreiro, con 26,2 l/m2.

Non obstante, apenas se produciron incidencias de consideración. Segundo fontes do 112 Galicia consultadas por Europa Press, puido producirse algunha inundación de rúas ou de balsas de auga na calzada, pero ningunha delas de magnitude relevante.

Tras o paso desta fronte, Galicia abandonará este xoves o aviso amarelo por choiva e vivirá unha xornada de ceo con intervalos de nubes e claros, xunto con choiva intermitente que remitirá pola noite.

As temperaturas van descender lixeiramente, con valores baixos para esta época do ano. En canto ao vento, soprará moderado de compoñente oeste, aínda que haberá intervalos fortes no litoral norte. De feito, haberá tamén un aviso amarelo por ondas de máis de catro metros no noroeste da Coruña, na Costa da Morte e na Mariña lucense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Publicador de contidos