Publicador de contidos

Publicador de contidos

A liña de tren entre Ourense e Santiago cortarase catorce días para reforzar a súa seguridade

A liña de tren entre Ourense e Santiago cortarase catorce días para reforzar a súa seguridade

Case 10 anos despois da traxedia de Angrois, o Adif porá en marcha o servizo de freado ERTMS

Adif activará un plan alternativo de transporte para garantir a mobilidade dos viaxeiros durante a interrupción do servizo

G24.gal 23/02/2023 21:21 Última actualización 23/02/2023 21:33

A posta en servizo do ERTMS na contorna da estación de Santiago, incluído o tramo en que se produciu o accidente do Alvia, na curva de Angrois, suporá cortes de tráfico na liña entre Ourense e a capital galega por un total de 14 días.

O administrador de infraestruturas ferroviarias ultima, case dez anos despois da traxedia en que perderon a vida 80 persoas, a posta en servizo deste sistema de protección do tren no seu nivel 1 no eixo atlántico, nos seus tramos A Coruña-Santiago e Santiago-Vigo, nun total de 155 quilómetros.

Pero a posta en marcha afecta tamén o que denomina como "a extensión do equipamento ata completar a despregadura entre Ourense e Santiago de Compostela", o cal inclúe a curva da Grandeira, en Angrois.  

Adif destaca que na actuación, "de gran complexidade tecnolóxica", investiu 63,2 millóns de euros, incluído o mantemento das instalacións por un período de 20 anos.

Na execución da obra interveñen directamente tres compañías.

O proceso "levará á interrupción da circulación durante catro días para a posta á disposición das instalacións con obxecto de realizar percorridos de fiabilidade e formación".

Tamén suporá "a interrupción do tráfico durante uns dez días para continuar a formación de maquinistas".

Adif anuncia que se activará un plan alternativo de transporte para garantir a mobilidade dos viaxeiros durante os 14 días totais de interrupción do servizo.

O tramo onde se produciu o accidente do Alvia contaba na planificación inicial da liña co sistema ERTMS, que frearía o tren en caso de erro do maquinista, pero foi retirado dos últimos quilómetros do trazado nun cambio de proxecto.

As primeiras probas para implantalo no eixo atlántico iniciáronse hai sete anos, en 2016. En 2017 e 2018, o sistema foi probado en laboratorio, co cal, no momento en que a súa aplicación sexa definitiva, pasarían, polo menos, outro cinco anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade