O Barcelona certifica o título de Liga grazas a un extraordinario Lamine Yamal
Un golazo da estrela do Barcelona encamiña o partido ante o Español, no que o equipo blaugrana celebrou a súa 28.ª liga
O Barcelona festexou a súa liga número 28 no campo dun dos seus grandes rivais, o RCDE Stadium do Español. O Barça sucede ao Real Madrid e volve gañar o campionato dúas temporadas despois. Nas últimas dúas décadas o equipo catalán foi o gran dominador da Liga, con 12 campionatos, por 6 do Real Madrid e 2 do Atlético.
Pasará á historia este campionato 24-25 por ser o da explosión dun fenómeno en idade xuvenil como Lamine Yamal. A estrela do Barcelona decidiu o partido contra o Español cun golazo marca da casa, o oitavo que marca neste campionato. Fermín completou o resultado no minuto 95.

A chegada de Hans Flick revitalizou o Barcelona. Cambioulle o estilo e a faciana a un equipo que a temporada pasada da man de Xavi estivo nun papel moi discreto. Sen grandes incorporacións, mellorando o rendemento de todo o equipo e subindo moitos rapaces do filial, Flick armou un equipo moi competitivo. Capaz de gañar a Liga e a Copa e facendo merecementos para chegar á final da Champions.
Lewandowski (25 goles) volveu ser o gran goleador. Raphinha (18 goles) estivo a un nivel superlativo. E arredor deles, un equipo cunha media de idade insultantemente baixa. Balde, Cubarsí, Pedri, Casadó, Gavi, Gerard Martín, Fermín, Marc Bernal... e o propio Lamine Yamal garanten un presente e un futuro moi prometedores para o Barcelona.