A intelixencia artificial marcará toda unha revolución no mundo
É unha parte da informática que desenvolve máquinas e programas capaces de reproducir accións da mente humana
As súas posibilidades son infindas pero ao mesmo tempo provoca novos retos e desafíos para facer fronte a cambios moi disruptivos
Intelixencia Artificial foi a expresión do ano escollida pola Real Academia Española. Pero temos todos claro de que se trata? Trátase dunha parte da ciencia informática que se ocupa de desenvolver máquinas e programas capaces de reproducir accións da mente humana como aprender, razoar, emitir linguaxe natural, ademais de comprendela, entre outras moitas posibilidades.
A intelixencia artificial usa datos do mundo real que poden estar nesgados ou manipulados. Desde 2019 Europa é pioneira en desenvolvela cunha base ética e sostible, o cal non acontece noutros países coma A China. Os Estados Unidos acaban de elaborar unha recente lexislación similar á nosa.
A Coruña vai ser a sede da AESIA, a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial, pioneira en Europa. As aplicacións da Intelixencia Artificial son infinitas. As que máis coñecemos son as da domótica, pero as relevantes están detrás da loita contra o cambio climático para optimizar os recursos da industria, tamén na medicina preventiva ou na educación personalizada. Na biotecnoloxía xa logrou fitos históricos.
Pero tamén xorden novos retos e desafíos como o que está a vivir o sistema educativo co chat GPT: unha interface de intelixencia artificial que podería supoñer un cambio disruptivo e xa está prohibida nalgúns lugares coma Nova York.
A Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial da Coruña será o punto de partida para analizar e xestionar moitos destes cambios que están por vir. A repercusión do organismo para Galicia será toda unha oportunidade.
España é dos países da UE que menos inviste neste eido e cómpre ter en conta que a intelixencia artificial é a gran revolución de futuro que vai cambiar o mundo.