Publicador de contidos

Publicador de contidos

A inestabilidade dos cantís e o temporal causan un desprendemento en Valdoviño

A inestabilidade dos cantís e o temporal causan un desprendemento en Valdoviño

As autoridades piden máxima precaución e evitar achegarse á zona

(EFE/Kiko Delgado) (Vídeo:Manuela Fraguela) (EFE/Kiko Delgado) (Vídeo:Manuela Fraguela)
G24.gal 09/12/2025 11:44 Última actualización 09/12/2025 13:11

Un desprendemento nos cantís próximos á praia de Campelo, en Valdoviño, foi unha das imaxes máis destacadas do temporal na comarca de Ferrol, que permanece enmarcada no aviso meteorolóxico adverso de nivel laranxa decretado pola Axencia Estatal de Meteoroloxía.

Os expertos vinculan o suceso coa inestabilidade xeolóxica da zona das Galladas e co temporal destes días. As intensas chuvias destas xornadas causaron que o terreo estivese máis brando e saturado de auga, ao que se lle sumou a forza do mar, golpeando nesta liña da costa, e os intensos refachos de vento das últimas horas.

Esta área foi identificada como un lugar bastante inestable no seu substrato xeolóxico, polo que aumenta a súa vulnerabilidade ante os temporais.

O director científico do parque Cabo Ortegal, Francisco Canosa, cualificou de "importante", pero tamén "moi habitual" a escorredura do terreo, que atribuíu a "unha combinación de factores".

"Esa roca tan degradada almacena moita auga, despois de moitos días de choiva, o terreo pesa moito e a propia inestabilidade do cantil, por esa diferenza de altura, fai que se deslizou sobre a zona da costa", relatou.

O Concello de Valdoviño pediu moita precaución ante esta situación e remarcou que na zona se deixou notar o mal tempo desde primeiras horas deste luns, cando tivo lugar ese incidente na costa.

"O mar non está para visitas; rexistraranse ondas de ata 7 metros de altura e o vento será intenso, evitade achegarvos a primeira liña de costa", advertiu o consistorio, que insistiu en que a seguridade é o primeiro.

O desprendemento en Campelo comezou o luns pola tarde, e as imaxes, nas que se ve a caída de terra e rochas ao mar, fixéronse virais en redes sociais, sen que se rexistrasen danos persoais.

En todo caso, o Concello reforzará este martes as medidas de seguridade na zona ao ser contigua a unha das praias máis expostas ás inclemencias do Atlántico na contorna de Ferrolterra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade