A hostalaría queda sen restricións covid a partir deste sábado
A Xunta retira a limitación de comensais por mesa para esta fin de semana
So se mantén, de momento, o uso da máscara en interiores cando non se come
"Volvemos á situación prepandemia, no que se refire ás normas da comunidade autónoma de Galicia", dixo Feijóo
A hostalaría de Galicia quedará sen restricións covid este sábado, ao retirar a Xunta a limitación de comensais por mesa, que ata agora tiña a limitación de 10 persoas por mesa en interiores e de 20 en exteriores.
De momento, mantense o uso obrigatorio da máscara en interiores cando non se consome. As previsións das administracións apuntan a que o uso da máscara en interiores se suprima despois da Semana Santa.
O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, confirmou a desaparición destas restricións na conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta:
"A partir desta medianoite, en Galicia caen todas as restricións que seguían vixentes na comunidade autónoma. De forma especial, recuperamos a ocupación que tiñamos ao 100 por cen prepandemia; polo tanto, xa non hai limitacións de utilizacións de mesas en hostalería. Volvemos á situación prepandemia, no que se refire ás normas da comunidade autónoma de Galicia".
Polo tanto, á marxe da medida común en toda España do uso de máscara en interiores, que previsiblemente se eliminará o día 20, con algunhas excepcións, como hospitais e residencias, Galicia mantén unicamente ata as 00:00 do 23 de abril a esixencia do certificado de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.
Esta medida mantense "atendendo á evolución da situación epidemiolóxica", expresa a orde da consellería de Sanidade publicada este 8 de abril no Diario Oficial de Galicia (DOG).
A hostalaría de Galicia quedará sen restricións covid este sábado ao retirar a Xunta a limitación de comensais
Sanidade concreta: "En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua a fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria".
"A consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade", engade.