O salón Retro Galicia actualiza a historia do automobilismo en Vigo
Un milleiro de vehículos de todas as épocas fan as delicias de seareiros e profesionais
O Retro Galicia amosa automóbiles e motocicletas icónicas do pasado
Rallies e exposicións completan a experiencia durante toda a fin de semana
O recinto feiral de Vigo retrocedeu varias décadas esta fin de semana para acoller unha nova edición de Retro Galicia, unha viaxe ao pasado da historia do automóbil e da motocicleta.
Milleiros de persoas apaixonadas do mundo do motor puideron desfrutar e tocar en vivo dos vehículos que nun tempo foron as iconas da industria automobilística.
A exposición acolle trescentos vehículos permanentes, mais outros setecentos que achegan os seareiros de xeito desinteresado. A oferta varía entre os modelos máis xeneralistas ata o luxo máis desmesurado.
"Este é un Corvette americano do ano 72 cando nos Estados Unidos pensaban que a gasolina non ía acabar e son coches que consumen moitísimo. Mesmo poden chegar ata os corenta litros aos cen quilómetros", comenta Juan Ramón Tubío, de Inaga Homologacións.
Esta decimo quinta edición do Retro Galicia acolle tamén unha nova entrega do Rally de Primavera e a homenaxe a Germán Castrillón, histórico piloto de rallies galego.
Un montón de actividades que durante toda a fin de semana deixarán en Vigo un pouso da historia e da paixón polo motor.