A granxa coas vacas máis fermosas de Galicia está en Vimianzo
Ten 8 das mellores por clasificación morfolóxica da provincia da Coruña
As vacas de leite máis fermosas da Coruña están na Costa da Morte, segundo a última memoria de Africor, a asociación provincial de criadores de reses frisoas encargada de facer a avaliación morfolóxica destes animais.
Oito das mellor clasificadas están nunha granxa de Vimianzo, e ata alí nos achegamos para coñecelas.
A parroquia de Baíñas, en Vimianzo, é un lugar privilexiado para a produción de leite e alí está a granxa A Estivada. Nacida en 2005 da unión de tres gandeiros que decidiron xuntarse para poder seguir medrando, na actualidade conta cun rabaño 245 animais, dos que 120 son vacas en lactación, entre as que están 8 das mellores por clasificación morfolóxica da provincia da Coruña, é dicir, as que teñen mellor tipo.
"Ben, eu sempre me gustou, doulle importancia a iso e paréceme que o animal canto mellor tipo teña, mellor vai funcionar, sobre todo en canto a patas e ubres e despois paréceme que se o animal ten ese potencial pode chegar a ser un animal de cuarto, quinto ou sexto parto", di Pedro Otero, socio da granxa A Estivada SC.
Son vacas como Aspirina, cualificada unha vez excelente, Añora, dúas veces excelente, e a raíña da corte Albariña, que xa foi cualificada como excelente tres veces, que xa vai polo seu sexto parto e que na súa vida leva xa dado máis de 100.000 litros de leite, algo que conseguen moi poucas vacas.
"Esa vaca é das mellores que houbo aquí, de momento aínda está, en cinco partos fixo 100.000 litros, en terceiro parto fixérona excelente, en cuarto parto excelente e despois en quinto parto excelente, agora a vaca está en sexto parto, está funcionando ben en lactación e agora o boxectivo é que volva quedar preñada e a ver se aguanta o máximo posible" di Pedro Otero, socio da granxa A Estivada SC.
Alvariña, Añora, Aspirina, Agadea, Alicia, Abranquia ou Alexada. Aquí todas as vacas teñen nome, para o que seguen unha premisa singular: deben comezar e rematar en A.
"Ben, porque eu cando empezamos sempre me gustou , empecei con ese obxectivo de empezar por A e acabar por A, meu primo nunca me dixo de cambiar, e tal, e seguimos con ese sistema.
Agunhas que deixan descendencia cámbiolles e outras que non deixan descendencia podo repetir o nome. Nomes hai moitísimos, outros que vexo en Internet e así", engade Otero.
Esta clasificación morfolóxica ou por tipo é un dos criterios que seguen os gandeiros integrados en Control Leiteiro para poder seguir mellorando os seus rabaños.