A Generalitat investigará os laboratorios próximos ao foco de peste porcina en busca da orixe do virus
A Generalitat investigará os laboratorios próximos ao foco de peste porcina en busca da orixe do virus
O Goberno catalán acordou co sector sacrificar para consumo interno os cochos das granxas da zona acoutada
O Goberno catalán acordou cos representantes do sector porcino, que demandaban a medida, empezar a sacrificar a partir da semana que vén os porcos das 39 granxas que hai dentro da zona acoutada polo foco de peste porcina detectado en xabarís na provincia de Barcelona. Son uns 30.000 cochos sans e a súa carne vai destinarse a consumo interno.
Mentres, decenas de efectivos mantéñense sobre o terreo para tratar de conter o gromo. De momento, confirmáronse trece positivos en xarabarís silvestres, todos dentro da zona cero.
O Seprona e os Mossos investigan conxuntamente a orixe da infección. O Centro de Investigación en Sanidade Animal que hai a un quilómetro de onde apareceron os primeiros xabarís mortos está baixo sospeita despois de que o estudo do virus realizado pola Unión Europea non se descarta que a cepa proceda dun laboratorio.
Salvador Illa, que presidiu este sábado a reunión de seguimento da crise, anunciou que se ían auditar os cinco laboratorios dentro do radio de 20 quilómetros onde se detectou o gromo.
Nestes momentos hai un milleiro de policías e persoal de emerxencias despregados para impedir que a poboación acceda ás zonas naturais acoutadas, que inclúen cinco parques naturais e afectan agora 91 concellos.
"Esperamos non ter que sancionar a ninguén porque realmente a poboación estase comportando moi ben neste sentido", aseguraba Francesc Parra, intendente dos Mossos.
Da evolución do foco dependen, só na provincia de Barcelona, 11.000 postos de traballo, repartidos en granxas e matadoiros.