A Garda Civil utiliza en Galicia un camión camuflado para detectar infraccións perigosas
A súa actuación estará apoiada por vehículos rotulados
O obxectivo principal é previr e reducir a sinistralidade derivada, principalmente, de distraccións como o uso do móbil ao volante

O subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra xa comezou a utilizar un camión camuflado con cores comerciais para detectar condutas que constitúen un grave risco para a seguridade dos usuarios das estradas, como poden ser o uso do móbil e outras distraccións.
O camión traballa apoiado por outros vehículos oficiais rotulados. Nas estradas galegas a vixilancia centrarase no uso do móbil, na non utilización do cinto de seguridade e nos adiantamentos antirregulamentarios, informa nun comunicado a Benemérita.
O obxectivo principal vai dirixido a previr e, desa forma reducir, a sinistralidade derivada principalmente das distraccións na condución.
Posición elevada
A utilización deste tipo de vehículo permite, pola posición elevada desde a cabina, detectar mellor os infractores que levan o móbil no seu colo e que non utilizan o cinto de seguridade. O camión será conducido por un axente e o seu labor será observar posibles infraccións e comunicalas á patrulla de apoio.
Desde a Garda Civil lembran a importancia de realizar unha condución segura, evitando todo tipo de distraccións que poden supoñer un grave risco para a seguridade viaria.