Atopan 120 quilos de cocaína no casco dun cargueiro ruso no porto de Marín
A Garda Civil tiña sospeitas de que o buque Crown Garnet, de bandeira panameña, podía transportar droga, polo que o retivo no peirao

A Garda Civil incautouse de 120 quilos de cocaína nun cargueiro ruso que facía a ruta O Brasil-Dover. Foi a Subdelegación do Goberno quen informou da operación.
En concreto, trátase do Crown Garnet, un buque de 152 metros de eslora, que fai a ruta entre Brasil e Dover, no Reino Unido, con escala en Róterdan, Países Baixos. A Garda Civil tiña sospeitas de que o barco, de bandeira panameña, podía transportar droga no casco, e retivo o buque no porto de Marín desde a súa chegada o pasado xoves.
Ao longo da mañá do venres os axentes realizaron a inspección do buque e localizaron os 120 quilos de droga. No operativo participou a Garda Civil con mergulladores, lanchas, unidade canina e drons subacuáticos ademais do servizo de Aduanas.

O subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, felicitou as forzas de seguridade polo seu traballo na loita contra o crime organizado. Polo momento descoñécense máis detalles sobre esta investigación, que continúa aberta.
Ademais, Losada quixo mandar unha "mensaxe clara" aos narcotraficantes, asegurando que "por moito que se esforcen" a presión policial continuará.