Publicador de contidos

Publicador de contidos

A G2 e AGalega.gal retransmiten o xoves o comezo do Baxi nos oitavos de final da Eurocup

A G2 e AGalega.gal retransmiten o xoves o comezo do Baxi nos oitavos de final da Eurocup

O Baxi Ferrol disputa ás oito e media o partido de ida na pista do Avenida Salamanca

G24.gal 14/01/2026 15:55 Última actualización 14/01/2026 16:01

A Eurocup Women de baloncesto entra esta semana na recta final coa primeira entrega dos oitavos de final. Perfumerías Avenida e Baxi Ferrol enfróntanse nun duelo galego-castelán que comeza en Salamanca para decidir quen avanza cara aos cuartos de final. Ambos equipos coñécense ben da competición española e europea, o que promete un choque táctico intenso no Würzburg Silvia Domínguez a partir das oito e media do serán deste xoves.

Os espectadores da G2 e AGalega.gal poderán ver en acción xogadoras de primeiro nivel como Feyonda Fitzgerald, que lidera a Eurocup Women en anotación con máis de 20 puntos por partido co Avenida, sendo a referencia ofensiva do equipo no torneo continental. Khadijiah Cave é outra das pezas importantes no xogo interior e na anotación, especialmente nos partidos europeos do cadro salmantino. No Baxi é chave Claire Melia, pivote irlandesa con números sólidos tanto na Liga como na Eurocup, destacando no xogo interior. Àngela Mataix marcou a diferenza pasada temporada e mantense como unha referente na anotación. 

Perfumerías Avenida clasificouse para os oitavos de final da Eurocup demostrando competitividade e capacidade de alto ritmo ofensivo e defensivo, derrotando nos dous encontros ao Emlak de Istambul. Baxi Ferrol superou sen problemas o San Giovanni de Milán, cunha diferenza de 25 puntos sumando as dúas citas. 

O conxunto de Salamanca chega con maior bagaxe histórica e experiencia nas competicións europeas, pero atravesa momentos irregulares que esixirán defender con intensidade para compensar posibles déficits ofensivos. Baxi Ferrol, pola súa banda, está con confianza despois de dominar nos oito partidos que disputou ata o momento na Eurocup. Lino López presume de ter un bloque sólido e aspira a dar a sorpresa para seguir avanzando nun torneo do que é o actual subcampión. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade