A G2 e AGalega.gal ofrecen os partidos europeos do Baxi Ferrol e do Liceo
O mércores, baloncesto da Eurocup desde Italia; o xoves, hóckey a patíns da Champions en Riazor
Antes das vacacións do Nadal, os equipos galegos teñen compromisos importantes nas competicións europeas. O Baxi Ferrol afronta este mes a eliminatoria de dezaseisavos de final da Eurocup Woman tras superar con matrícula de honra a primeira fase ao gañar os seis partidos disputados. Mentres, o Liceo da Coruña pecha a primeira volta da Champions tras sumar unha vitoria e unha derrota nas primeiras citas da temporada.
O mércores, ás seis da tarde, os espectadores da G2 e da plataforma AGalega.gal terán ocasión de ver en acción as xogadoras do Baxi Ferrol en Milán ante o San Giovanni no Palacarzaniga. Mentres as galegas fixeron pleno de triunfos na liga de grupos, as italianas gañaron só a metade dos encontros disputados, tres, e accederon a esta eliminatoria como segundas de grupo. A viaxe a Italia chega para o cadro departamental nun bo momento, tras derrotar o Gernika na competición española. Patricia Rodríguez Juste narrará os corenta minutos de xogo, cos comentarios do especialista en baloncesto Edgard Paz.
O xoves, a partir das oito e media do serán, o hóckey a patíns será o protagonista. Chega a terceira xornada da Champions e o Liceo da Coruña recibe no palacio dos deportes de Riazor o Sporting de Lisboa. O equipo que adestra Juan Copa acaba de gañar na pista do Caldes por 0-4 na liga española, pero o torneo europeo esixe moito más esforzo. O rival leva dúas vitorias, con seis puntos, mentres a escuadra coruñesa suma tres tras derrotar o Oliveirense e perder en Barcelos. Óscar Benito narrará os cincuenta minutos de xogo, coa análise do especialista López Regos.
As retransmisións deportivas continuarán na fin de semana. O sábado, ás catro e cuarto da tarde, a G2 emitirá desde Tajonar o Osasuna B-Lugo da Primeira RFEF. O domingo, ás doce do mediodía e desde Zubieta, a segunda canle da TVG e a plataforma AGalega.gal emitirán o Real Sociedade-Deportivo da Primeira División feminina. Por último, ás cinco da tarde os afeccionados da Segunda RFEF terán ocasión de seguir de xeito íntegro o Sarriana-Astorga a través de AGalega.gal.