A Fundación Amancio Ortega entrega á Xunta a residencia da Coruña, con 150 prazas
É a cuarta que constrúe e equipa a fundación para a rede pública galega de residencias e tamén a máis grande, con 12.000 metros cadrados e 150 cuartos
No acto de entrega do edificio, ao que asistiu a presidente da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez, o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, agradeceu os investimentos desta entidade na sanidade e residencias públicas
A Fundación Amancio Ortega fíxolle entrega á Xunta este mércores da residencia de maiores da Coruña, que comezará a funcionar este ano. É a cuarta que constrúe e equipa a fundación para a rede pública galega de residencias e tamén a máis grande, con 12.000 metros cadrados e 150 cuartos, e a que máis custou, 32 millóns de euros.
Situada no barrio de Eirís, e con vistas ao mar, a residencia ten unha planta baixa de zonas comúns con cafetería, comedor, ximnasio ou salón de peiteado. Será a cuarta que abra das sete comprometidas nun acordo entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega asinado no 2019, tras as de Santiago, Lugo e Pontevedra, que se porá en marcha nas próximas semanas.
No acto de entrega do edificio, ao que asistiu a presidente da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez, o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, agradeceu os investimentos desta entidade na sanidade e residencias públicas. E destacou a obxectivo da Xunta de crear nesta lexislatura 24 residencias en concellos de menos de 50.000 habitantes, que sumarán 1.800 prazas.