A Fonsagrada, a localidade máis fresca de España
Un estudo dunha plataforma de viaxes recolle o dato, tras analizar as temperaturas medias de 3.000 localidades
No tempo de verán non todo o mundo busca sol, praia e calor. Hai quen prefire fuxir das temperaturas tórridas e é por iso que as axencias e portais de viaxes buscan e propoñen outro tipo de ofertas que combinen lecer, natureza e temperaturas suaves.
Medio día na Fonsagrada e 18 graos. Que darían algúns por poder gozar destas temperaturas! Así opinan veciños e turistas.
"No verán aquí estase de marabilla. Eu que vivo en Barcelona veño para aquí e son dúas semanas que estou fresquiña!".
Case a mil metros sobre o nivel do mar, no occidente da cordilleira cantábrica e lindando xa con Asturias, A Fonsagrada goza de temperaturas suaves durante o verán.
"Non hai esas temperaturas tan altas como noutros sitios. Dórmese perfectamente".
"Trouxemos chaqueta para poñer pola mañá e á noite pero despois o día despexa e estase moi agradable na zona".
De feito, unha plataforma de viaxes chamada Omio, sitúa a Fonsagrada coa temperatura máis fresca de España, unha media de quince graos e medio dende xuño a setembro. Tal como se están a presentar os veráns é unha opción a considerar para moitos. Así as cousas engádese un atractivo máis á riqueza paisaxística deste concello.
"Sobre todo a estas horas da mañá axúdache un montón para facer senderismo", comenta unha turista canaria.
"O clima é ideal e son sitios que paga a pena descubrir. Aquí non chegaron os turoperadores, a xente continúa sendo acolledora. Por iso e por máis cousas, A Fonsagrada é ideal", di unha veciña.