Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atrasos e traxectos por estrada na folga do sector ferroviario en Galicia

Atrasos e traxectos por estrada na folga do sector ferroviario en Galicia

Houbo trens incluídos nos servizos mínimos que chegaron tarde ou foron anulados

A folga do sector ferroviario convocada para este luns, o martes 10 e o mércores 11 de febreiro manterá o 65 % dos trens de media distancia  e o 73 % da alta velocidade

Panel informativo da estación de Santiago (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 09/02/2026 10:37 Última actualización 09/02/2026 14:52

O primeiro dos tres días da folga xeral convocada no sector ferroviario superou os efectos previstos. En Galicia, varios trens que estaban incluídos dentro dos servizos mínimos tiveron incidencias: algúns sufriron atrasos, mesmo de máis dunha hora, e incluso houbo viaxes que si estaban confirmadas pero que se cancelaron a última hora.

Renfe fixou uns servizos mínimos do 65 % na media distancia e do 73 % nos traxectos longos. Os sindicatos aseguran que, dentro das posibilidades, o seguimento do paro foi moi alto. O resultado é que, estando preparados ou non, moitos viaxeiros tiveron que alterar os seus plans.

"Perderemos unha clase porque a primeira hora xa non chegamos", di unha moza na estación de Santiago mentres mira as pantallas.

"O tren que teño é o das nove cara á Coruña pero ten un atraso dunha hora", explica outro viaxeiro. "Uf, pois supoño que vou chegar moi tarde a unha reunión importante", completa un home que tiña unha cita en Madrid.

"Díxenlle ao que me vendeu o billete que ía cun pouco de medo por todo o que está pasando pero espero que todo vaia ben e non teña incidencias", conta unha muller.

Pero si que houbo incidencias. No vestíbulo da estación de Vigo-Urzáiz, por exemplo, coincidiron os pasaxeiros dun tren que chegaba da Coruña con media hora de atraso cos que viron como lles anulaban, alí mesmo, outro convoi que debería partir no sentido contrario. 

"Tiña o tren ás 10:35 e cheguei aquí ás dez para preguntar se saía o tren e non tiñan nin idea", relata un mozo.

"Estaba miña nai aparcando cando recibín no teléfono a mensaxe de Renfe de que non tiñamos tren", engade outra viaxeira.

"E agora estamos aquí nun punto de incerteza sen saberque vai ser de nós", asegura un mozo que tiña previsto pasar o seu día libre coa familia na Coruña.

Desta volta, Renfe si dispuxo transporte alternativo. En medio da súa sorpresa, traballadores de Renfe guiaron os pasaxeiros por unha saída de emerxencia para que puidesen pasar á estación de autobuses de Vigo, onde varios autocares xa os agardaban para levalos aos seus destinos.

Renfe cifrou nun 11,6 % a porcentaxe dos traballadores da quenda de mañá de todas as súas empresas que secundaron a folga do sector ferroviario, unha porcentaxe que baixa ao 11,2 % se se inclúe ao persoal da quenda de noite.

Pola súa banda, CXT-Galicia sitúao no 80 % do persoal que pode ir ao paro na comunidade galega, tendo en conta que hai decretados servizos mínimos.

A folga do sector ferroviario convocada para este luns, o martes 10 e o mércores 11 de febreiro manterá o 65 % dos trens de media distancia (MD) e o 73 % da alta velocidade (AV/AV), segundo recolle o decreto asinado polo Ministerio de Transportes, consultable desde a web do operador público.

Esta redución das frecuencias prodúcese despois de que, desde o xoves e durante as seguintes 72 horas, estivesen suspendidas todas as frecuencias con orixe ou destino Vigo, que se foron recuperando progresivamente desde a noite do sábado. Ao mediodía do domingo, case todos os servizos foron restablecidos.

Os sindicatos reivindican un cambio estrutural na seguridade do sistema ferroviario español, tras os accidentes de Adamuz (Córdoba) e Gelida (Barcelona). Reclaman máis investimentos e que non se externalicen os traballos en empresas privadas.

Os servizos mínimos

No caso de Galicia, na liña A Coruña-Ourense, este luns circularán os trens das 05:50 horas, 07:05, 08:12, 11:25, 13:35, 15:10, 17:15 e 21:00. No sentido contrario, funcionarán os das 06:40, 07:50, 09:55, 12:40, 14:25, 15:30, 16:40, 19:00 e 19:50.

Na conexión Vigo Urzaiz-A Coruña sairán trens ás 05:08, 06:34, 08:00, 10:35, 13:40, 14:30, 16:30, 17:40, 18:15, 19:35 e 21:50. Na outra dirección, operarán convois ás 07:00, 08:00, 09:00, 11:06, 12:00, 14:05, 15:00, 17:00, 18:00 e 21:40.

Mentres, na liña rexional Vigo Guixar-A Coruña, funcionarán os trens con saída ás 09:15, 12:31, 15:00 e 20:28. Á inversa, circularán ferrocarrís ás 05:30, 09:39, 12:45, 15:39 e 19:08. O resto dos servizos mínimos decretados para Galicia e resto de comunidades autónomas poden consultarse desde a web de Renfe, onde está dispoñible o decreto do Ministerio de Transportes que os regula.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade