A folga de Renfe e Adif cancela 17 trens en Galicia, a maioría de media distancia
Non houbo incidencias nin grandes problemas
CCOO cifra o seguimento do paro nun 75 %, Renfe rebáixao a un 4 %
A folga cancelou dez conexións entre A Coruña e Vigo nun venres, o día de máis demanda de toda a semana. Elimináronse algo de máis de 2.500 prazas no Eixo Atlántico.
"Tiven que coller un tren máis tarde do previsto porque o meu estaba cancelado", "Collino algo máis cedo que os outros días porque máis tarde xa non había", comentan algúns usuarios.
No traxecto entre A Coruña e Ourense anuláronse dous trens, un de ida e outro de volta. E outros dous entre Ourense e Madrid. Con todo, non houbo grandes problemas.
"Informámonos antes e non tivemos problema", "eu non notei nada de nada", "para a volta tivemos que coller un bus en vez dun tren", din os usuarios.
Comisións Obreiras, o sindicato maioritario de Renfe e o convocador da folga di que o seguimento foi superior ao 75 por cento. Pero denuncian que había servizos mínimos abusivos.
"A empresa impuxo mínimos dun 75 por cento, e con eses servizos mínimos abusivos tratan que garantir que non se resinta a circulación", asegura Manuel Zapico, de CCOO.
Reclaman a eliminación das categorías de ingreso en Renfe, negociada desde fai seis meses.
"Onte tivemos un intento por parte de Función Pública de chegar a un acordo, pero non é o que alcanzaramos o un de xullo. Así que volvemos ver que non se cumpre o acordado por parte do Goberno, que limita dentro dunha empresa pública a nosa capacidade de negociación", di Zapico.
Para os traballadores do Adif piden que se desbloquee a xornada de 35 horas semanais, que o comité de empresa pactou o ano pasado, pero que tombou o Goberno.