O xuíz Pedraz imputa a directora xeral da Garda Civil e o DAO no caso Leire
Os dous máximos responsables da Benemérita están citados o próximo 16 de xullo na Audiencia Nacional
A Fiscalía, que solicitou a imputación, cre que Mercedes González e Manuel Llamas participaron das manobras da exmilitante socialista para investigar a UCO e filtracións en causas que afectan ao Goberno
Marlaska mantén a súa confianza en Mercedes González
(Europa Press/Gustavo Valiente)
O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz imputou a directora xeral da Garda Civil Mercedes González e o DAO do corpo Manuel Llamas no caso Leire, e terán que acudir a declarar como investigados o próximo 16 de xullo.
O xuíz impútaos por delitos de prevaricación e obstrución á Xustiza en relación as presuntas manobras da exmilitante socialista Leire Díez para que se investigase a UCO por posibles filtracións nas causas que afectan ao Goberno e por supostas presións aos axentes que as investigaban.
Pedraz adoptou esta decisión a pedimento da Fiscalía Anticorrupción pouco despois de que solicitase a imputación de Mercedes González e de Manuel Llamas por eses mesmos delitos.
A acusación popular unificada nesta causa, que encabeza o PP, pediu onte a imputación de ambos e do exdirector xeneral do instituto armado, Leonardo Marcos, aínda que a Fiscalía non reclamou a deste último.
Estas novas imputacións prodúcense tras as declaracións que prestaron como testemuñas a semana pasada varios mandos da Garda Civil, entre eles o ex-xefe da UCO Rafael Yuste, quen ratificou ante o xuíz que o DAO Manuel Llamas pediu poñerse de perfil e non ser proactivos en casos con afectación política, aínda que deixou caer que non se sentiron presionados.
Pola súa banda, Mercedes González compareceu o pasado 16 de xuño no Senado, onde negou participar xamais, nunca, en ningunha trama ou conspiración contra a Unidade Central Operativa (UCO) nin contra ningún axente do corpo, nin por influencia da señora Leire Díez nin por ninguén.
Segundo a investigación, Leire Díez tratou de promover unha investigación contra a UCO e contactaría para iso coa directora xeneral da Garda Civil, quen con todo negou no Senado que nos seus breves encontros con ela se falase diso.
Nos seus informes a UCO apunta a tres encontros de Mercedes González con Leire Díez o 30 de setembro e o 20 de decembro de 2024 e o 2 de abril de 2025.
A UCO considera que a directora da Garda Civil era coñecedora da actividade de Leire Díaz e sospeita que a exmilitante socialista estás detrás da decisión de que se abrise unha información reservada para investigar se a UCO era responsable da filtración dunhas mensaxes de WhatsApp entre o exministro José Luis Ábalos e o presidente do Goberno Pedro Sánchez publicadas no diario El Mundo. Publicación esta que a UCO relaciona con senllas mensaxes que ao día seguinte intercambiaron Leire Díez e Mercedes González e que aparecen borrados.
Marlaska mantén a súa confianza en Mercedes González
O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska mostrou este xoves a súa confianza na directora xeral da Garda Civil Mercedes González e no DAO Manuel Llamas tras a imputación de ambos no caso Leire.
"Seguirán exercendo as súas funcións como ata o de agora e mostrando a máxima colaboración coa Xustiza en todo o que se lles requira", sinalou o Ministerio do Interior tras coñecer a imputación na causa que instrúe o xuíz Santiago Pedraz.