Prisión provisional para os pais dos nenos encerrados catro anos nun chalé en Oviedo
A Fiscalía do Principado de Asturias solicitara ao xulgado a medida cautelar ao considerar que existe risco de fuga e para asegurar a protección dos menores
Os detidos serán trasladados "de inmediato" ao centro penal de Asturias

A maxistrada titular do Xulgado de Instrución número 3 de Oviedo, decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza do matrimonio detido por supostamente manter encerrados os seus tres fillos en moi malas condicións nunha vivenda unifamiliar no municipio de Oviedo, de acordo coa petición do Ministerio Fiscal.
Despois de tomar declaración aos dous detidos, a xuíza acordou o ingreso en prisión, así como a suspensión da patria potestade e da garda e custodia, que pasa a atribuírse ao Goberno do Principado de Asturias.
Os detidos serán trasladados "de inmediato" ao centro penal de Asturias.
A petición da Fiscalía
A Fiscalía solicitou ao Xulgado a medida cautelar ao considerar que existe risco de fuga e para asegurar a protección dos menores. Entende que os feitos poderían ser constitutivos dos delitos de detención ilegal, abandono de familia e malos tratos psicolóxico habitual.
A operación, como xa transcendeu, desenvolveuse grazas á alerta dunha veciña. A Policía Local puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía do Principado de Asturias e, tras unha reunión coa Fiscal Superior, María Eugenia Prendes, deuse traslado á Sección de Menores, onde se iniciaron unhas dilixencias para coñecer a situación dos tres nenos.
O fiscal coordinador de Menores, Jorge Fernández Caldevilla, oficiou a Unidade de Policía Xudicial da Policía Local de Oviedo para que realizase as investigacións oportunas sobre o estado dos menores.