Publicador de contidos
Publicador de contidos

A finais do ano que vén instalaranse as primeiras empresas na Cidade das TIC da Coruña

A finais do ano que vén instalaranse as primeiras empresas na Cidade das TIC da Coruña

Seis firmas teñen xa reservado espazo no primeiro edificio, que se construirá nos terreos da antiga Fábrica de Armas

As obras comezarán o vindeiro mes de xaneiro

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Cluster TIC de Galicia
G24.gal 13/12/2021 10:47

A finais do ano que vén comezarán a instalarse na cidade da Coruña as primeiras empresas que solicitaron entrar a formar parte da futura Cidade das TIC, a Cidade das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. No proxecto participan a Xunta, o Goberno central e o concello da Coruña e conta coa implicación da Universidade da Coruña e o Cluster TIC de Galicia.

O presidente do Cluster, Antonio Rodríguez del Corral, explicaba na RG que son xa dezanove as empresas que solicitaron entrar na futura cidade das TIC. Seis teñen xa reservado espazo no primeiro edificio, que comezará a construírse en xaneiro, e outras seis obtiveron espazo noutros edificios que aínda están en proxecto.

As obras do primeiro edificio teñen un prazo de execución de nove meses. Calcúlase que as primeiras firmas realicen a mudanza nun prazo de dez ou once meses, de maneira que poderían estar xa instaladas a finais de 2022.

Nunha entrevista no Galicia por Diante, Rodríguez del Corral explicaba que a maior parte das empresas interesadas son da área de A Coruña, debido á influencia do xigante Inditex, pero non desbotan abrir espazos similares noutras cidades, como Santiago e Vigo, e, sobre todo, captar investimento internacional.

"Esperamos que un bo número de empresas da cidade da Coruña veñan ás TIC e temos peticións de multinacionais que buscan novas zonas onde establecerse porque precisan de novo talento e novo emprego".

Só na área da Coruña o sector TIC aglutina 700 empresas, que dan emprego a arredor de 7.200 persoas.

 A Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital

Este proxecto estratéxico xurdiu no Cluster TIC Galicia ó abeiro dunha convocatoria do Igape para xuntar, no mesmo espazo físico, varias empresas do sector co obxectivo de compartir sinerxias. A Cidade das TIC albergará catro laboratorios de innovación e un showroom onde as empresas do sector poidan amosar os seus produtos ós seus clientes. Haberá laboratorio de media, de intelixencia artificial e de dispositivos intelixentes. Trátase, segundo o presidente do Cluster TIC de Galicia, de actuar como catalizador de pequenas empresas que son boas individualmente pero que precisan máis músculo e de atraer multinacionais que xa non atopan man de obra dispoñible nos lugares onde están xa instaladas. 

"Hai que darlles ás grandes empresas unha boa pista de aterraxe; un lugar bonito, cómodo, preto de Universidade e preto de empresas locais. A Cidade das TIC cumpre todos estes parámetros".

O sector das TIC viu incrementada a súa demanda en Galicia por mor da pandemia da COVID–19. Calculan que esta situación se manterá durante toda esta década que algúns rebautizaron xa como a década dixital de Europa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade