A feira de minerais de Santiago consolídade como a máis grande da Península
Na súa edición número once congregou 35 expositores en 160 metros cadrados
A feira de minerais de Santiago congregou durante catro días 35 expositores de distintos puntos da pPenínsula, de Alemaña e de Xeorxia. Entre eles atopamos un cazameteoritos, que ao longo de quince anos recolleu máis de 600 pezas, a maioría en desertos do norte de África e de Latinoamérica.
"Cada meteorito que atopamos, córtase, pólese, analízase e comprendemos cousas marabillosas do noso sistema solar, de onde veñen, que nos contan da nosa propia terra", explica José Vicente Casado, expositor e cazameteoritos.
Os meteoritos chaman a atención dos visitantes, pero os fósiles non quedan atrás, coma unha placa de crinoideos de máis de 400 millóns de anos localizada no sur de Marrocos.
"O crinoideo é un fósil do silúrico. Componse dun talo e dunha coroa. É unha especie de equinodermo, coma os ourizos de mar", explica o expositor Jaime Gómez.
É difícil decantarse por unha peza, pero propoñemos tamén o reto entre os minerais, nun posto con mostras procedentes do estado brasileiro de Minas Gerais.
"A turmalina negra é unha das miñas preferidas porque ten propiedades de bloqueo do electromagnetismo e tamén propiedades esotéricas de protección", contéstanos Eduardo Silva, de Stonesbr.
É unha feira que aposta pola divulgación. Nesta edición recibiu máis de 800 estudantes de catorce centros de ensino.
"Os profes de Bioloxía penso que nos coñecen todos en toda Galicia", afirma o coordinador, Alejandro Rodríguez.
O coordinador do encontro revélanos que, cos seus 160 metros de exposición, a de Santiago é a feira de minerais máis grande da península.