A Federación Española pide á FIFA incluír Vigo como sede do Mundial
As visitas á cidade olívica e tamén a Valencia produciríanse no outono e no próximo mes de decembro
Caballero: "É preciso que tiñamos rapidamente unha reunión coa Federación para coñecer os seus protocolos"
O presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, propuxo á FIFA que as cidades de Valencia e Vigo figuren entre as sedes do Mundial de 2030, que acollerán España, Marrocos e Portugal.
Louzán propuxo formalmente este xoves que se inclúan os estadios do Nou Mestalla e Balaídos nun escrito remitido á FIFA, que é quen ten a última palabra ao respecto.
As renuncias de Málaga e A Coruña abriran novas posibilidades a outras cidades que se postularan como sedes do Mundial 2030 pero que, por diferentes circunstancias, quedáranse fóra.
Nas últimas semanas, varios representantes da FIFA viaxaron a España para supervisar as sedes candidatas e visita as instalacións de Anoeta (San Sebastián), Camp Nou (Barcelona), Gran Canaria (As Palmas), La Cartuja (Sevilla), Metropolitano (Madrid), Nova Romareda (Zaragoza), RCDE Stadium (Barcelona, Cornellá-El Prat), San Mamés (Bilbao) e Santiago Bernabéu (Madrid).
As reivindicacións de Abel Caballero poderían facerse realidade máis pronto que tarde.
Caballero: "É preciso que tiñamos rapidamente unha reunión coa Federación para coñecer os seus protocolos e a súa actuación".
O alcalde manifestou que se decatou desa intención da RFEF a través dos medios de comunicación e consideróuo "unha gran noticia" que o Concello recibe "de bo grado e con moito entusiasmo", porque leva "moito tempo pelexándoo".
No entanto, lamentou que chega con "case dous anos de atraso" e que outras sedes dispuxeron dese tempo que non terá Vigo, e urxiu á RFEF para dirixirse "oficialmente" ao Concello para comunicarlle que é "cidade-sede", alén de pedir unha reunión co ente federativo para "coñecer os seus protocolos e a súa actuación".
O rexedor vigués, tras os seus reproches habituais ás institucións gobernadas polo PP, como a Xunta e a Deputación de Pontevedra, respecto ás obras necesarias no estadio de Balaídos, asegurou que "a cidade está en condicións de cumprir todos os requisitos da FIFA para ser sede do Mundial".
"Trátase de que haxa tamén un debate social, que é lexítimo, no que as viguesas e os vigueses coñezan os pros e os contras, os custos e os beneficios deste proxecto", reclama o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.
"Nós como Deputación de Pontevedra e polo que sabemos da Xunta, hai un apoio claro dende un primeiro momento para apoiar financeiramente a construción e remodelación do estadio", asegura a vicepresidenta da Deputación Provincial e portavoz do PP en Vigo, Luisa Sánchez.
"Hai que valorar tamén o impacto en imaxe que significa pór Vigo no mapa mundial e se, por riba, podemos facer algunha sinerxia, por exemplo, co Xacobeo ou co Camiño de Santiago", apunta o presidente da Confederación Empresarial de Pontevedra, Jorge Cebreiros.
A visita a Vigo produciríase no outono e o próximo mes de decembro coñeceríase a decisión definitiva.