A farmacéutica Kern Pharma construirá unha planta en Monforte de Lemos
A empresa prevé un investimento de 33 millóns para construír fábrica, laboratorios, oficinas e área de loxística e conta con crear uns 50 postos de traballo directos
A empresa Kern Pharma, do grupo farmacéutico Indukern, prevé construír unha planta no municipio lucense de Monforte de Lemos para fabricar produtos inxectables.
O proxecto foi presentado este mediodía polo fundador e presidente de Indukern, José Luis Díaz-Varela, e polo vicepresidente do grupo e presidente de Kern Pharma, Raúl Díaz-Varela, ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; ao vicepresidente e conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde; e ao alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
A planta, que terá un investimento de 33 millóns de euros, permitirá "triplicar a capacidade de produción e crecer no mercado dos medicamentos éticos e xenéricos, tanto nacional como internacionalmente", segundo Indukern.
As instalacións inclúen a fábrica, laboratorios, oficinas e unha área loxística, instalacións todas elas "deseñadas seguindo estándares de ecoeficiencia e sustentabilidade", afirma nunha nota a empresa, e precisa que ocuparán uns 14.000 metros cadrados.
O grupo prevé comezar cunha produción duns 50 millóns de unidades ao ano e contar cun equipo dunhas 50 persoas nun prazo de "tres anos desde a posta en marcha".
Indukern, un grupo empresarial catalán constituído en 1962, coa sede social en Madrid, ten unha facturación de 365 millóns de euros e un equipo de máis de 1.200 profesionais que operan en 13 países con filiais propias.
Kern Pharma é o laboratorio farmacéutico do grupo Indukern dedicado principalmente a producir medicamentos xenéricos.