O actor e director Daniel Guzmán recibirá a Calpurnia de Honra da 30ª edición do OUFF
Guzmán conta cunha ampla traxectoria en cinema e televisión e é gañador de dous premios Goya

O actor, guionista e director Daniel Guzmán recibirá a Calpurnia de Honra da 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF).
Así o anunciou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, durante a presentación oficial do festival no Balneario de Laias, nun encontro que reuniu a destacadas autoridades autonómicas e provinciais.
Guzmán, a quen Menor destacou como "referente do cinema social en España", conta cunha ampla traxectoria en cinema e televisión e é gañador de dous premios Goya.
Esta é unha edición "especialmente simbólica", que celebra tres décadas de compromiso co cinema e coa promoción cultural da provincia.
Presentouse o libro conmemorativo da 30ª edición, unha obra da xornalista Sonia Torre Delgado que recolle, cunha mirada panorámica e emotiva, algúns dos momentos máis significativos vividos ao longo destas tres décadas.
Destacan que o volume non pretende ser unha enciclopedia exhaustiva, senón "un exercicio de memoria que reivindica o papel do certame como espazo de encontro, formación e homenaxe ao cinema galego, nacional e internacional, porque o Festival de Ourense é moito máis que unha semana de proxeccións: é historia viva, industria e cultura compartida".
Para o presidente da Deputación, o OUFF é "o festival de cinema por excelencia de Galicia". Por iso, reafirmou o compromiso da institución provincial co futuro do gran evento do audiovisual, asegurando que "se é necesario, a Deputación seguirá cubrindo os desertos culturais da cidade".
Menor reivindicou o gran retorno económico do OUFF, xa que significa moito máis que unha semana de cinema, que se traduce en visitantes que deixan pegada nos comercios, na hostalería, na provincia.
O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.
Entre as moitas novidades para esta edición, destacan a residencia audiovisual para creadores novos Faíscas, a composición dun tema musical propio a cargo de Jose Manuel Cancela, novas seccións como Xeración OUFF ou Agarimo, ou o redeseño da Calpurnia polo escultor Manuel Buciños.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que tamén participou esta tarde na presentación, destacou o "carácter único deste evento, o certame internacional de carácter competitivo máis antigo de Galicia, e a proxección que este supón para toda a provincia de Ourense e para Galicia xeral, ao poñer a comunidade no mapa dos certames audiovisuais".