Publicador de contidos

Publicador de contidos

A familia Franco renuncia a cinco dos bens que reclamaba no pazo de Meirás

A familia Franco renuncia a cinco dos bens que reclamaba no pazo de Meirás

O Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña acolle a vista polo incidente de execución de sentenza da propiedade do pazo de Meirás

EFE/Cabalar EFE/Cabalar
G24.gal 30/06/2022 10:57 Última actualización 30/06/2022 18:40

A representación legal da familia Franco renunciou este xoves a cinco dos bens que reclamaban no Pazo de Meirás. O xulgado de primeira instancia número un da Coruña acolle a vista polo incidente de execución de sentenza da propiedade do pazo de Meirás, pois cando se determinou que o inmoble era propiedade do Estado, a familia Franco quixo baleiralo, pero é necesario establecer antes a titularidade dos bens contidos nel.

Nas cuestións previas, unha das avogadas que representa os Franco explicou que renuncia a cinco dos bens, entre os que están un cordobán pintado situado na capela, un monólito de pedra ou dous escudos de Franco. Aínda que non o detallou, estes bens están inseridos no Pazo de Meirás, de tal maneira que a súa extracción afectaría de forma estrutural.

Serán un total de cincuenta as propiedades cuxa titularidade se dirimirá no proceso xudicial que comezou este xoves. A avogada tamén chamou a atención sobre que desde hai catorce meses "está a procederse á incautación dos bens mobles". E lembrou que desde ese mesmo prazo están pendentes de resolver os recursos de reposición polas administracións, que tiñan un prazo dun mes para a retirada dos bens.

O alcalde de Sada Benito Portela trasladou que manteñen "moitas expectativas" sobre o resultado da vista e remitiuse ao informe pericial "moi preciso" da súa parte para reclamar a titularidade pública dos bens.

"Todos os bens mobles do pazo, fóra dos que acrediten que foron postos con posterioridade a 1975", sentenciou sobre a postura de Sada, onde se sitúa o inmoble, nesta vista.

Fíxoo antes de que, xa nela, o xuíz non admitise o citado informe pericial (que analiza bens entre 1938 e 1975) por presentación "extemporánea" e por entender que non se incorporan "novos feitos". Pola contra, o letrado do consistorio de Sada cualificouno de "pertinente", formulación que defendeu o Estado.

Xa no comezo da proba testifical e pericial prestou declaración un historiador. Asegurou que no pazo de Meirás hai moitos elementos, moitos máis dos que podemos imaxinar, dixo, que están adscritos a antes do ano 1938, que xa estaban no interior do pazo e que están vencellados á familia Pardo Bazán. Engadiu amais que o traslado dos bens suporía unha mingua cultural e histórica do conxunto.

Declarou tamén unha perito que avaliou os posibles danos que podería haber no caso do traslado dalgún ben. Dixo que se pode retirar calquera elemento, como, por exemplo, unha capela, porque tecnoloxía hai, pero que eses movementos porían en risco as pedras.

Está previsto que remate mañá coas conclusións finais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade