A familia de Diego Piñeiro, asasinado en Londres, esixe que o autor do crime cumpra a condena íntegra
A familia de Diego Piñeiro, asasinado en Londres, esixe que o autor do crime cumpra a condena íntegra
O home foi condenado a cadea perpetúa e podería quedar en liberdade vixiada nos próximos meses
A familia de Diego Piñeiro, o rapaz galego asasinado en Londres hai 24 anos, vive estes días un auténtico pesadelo ante a posibilidade de que o seu asasino poida quedar en liberdade vixiada. A familia vive agora entre Londres e Pontedeume. Pero é na vila coruñesa onde atopan a tranquilidade, como afirma a súa nai.
"Non, para min non pasou tempo, eu estou estancada no pasado, no ano 2000, e estarei sempre. O tempo para min non pasou para nada. E deixándome a min á parte, estou pensando noutros nenos", afirma María Ángeles Villar Freire.
Dende a capital británica, os compañeiros de colexio de Diego están a levar a cabo distintas iniciativas para que o asasino de Diego cumpra a pena íntegra de cadea perpetua á que foi condenado no xuízo. A irmá do rapaz dixo que o home estaba obsesionado con Diego e que ten tendencias violentas. Pídenlle á Embaixada española que os apoie.
"Este home estaba obsesionado co meu irmán, ao mellor quere vir ver a tumba, ou no colexio español dálle nostalxia e decide pasar por alí, aínda están a revivir os pais o que pasou", di a irmá de Diego Piñeiro.
Diego Piñeiro foi asasinado de 30 coiteladas en maio do ano 2000 nunha rúa de Londres. Tiña 12 anos e está soterrado en Pontedeume.