150 persoas escenifican en Paradela-Meis as últimas horas de Xesús
O bo tempo favoreceu a asistencia de centos de persoas a esta Festa de Interesese Turístico de Galicia
A Semana Santa ten un escenario singular en Meis. No adrio da igrexa de Santa María de Paradela 150 persoas teatralizan as últimas horas de Cristo: o xuízo de Pilatos e Herodes, o Via Crucis e a Crucifixión.
O actor protagonista é Gabriel Magariños.
"Un dos motivos é pola miña difunta avóa materna. É como unha promesa. Sempre estábamos con que a ver se me vía facelo e eu non me atrevía a dar o paso. Finalmente viñeron por min e dixénlles que si"
O bo tempo axudou a que centos de persoas asistiran á representación, moi coidada tanto en vestuario coma en son.
"Para min o Venres Santo é o máis emotivo. É o que che saca da alma o sentimento porque vemos como o pasou Xesús. Foron moitos meses de preparación", comenta Javier Angustia, da Confraría de Paradela-Meis.
A Semana Santa desta pequena parroquia de Meis leva celebrándose desde hai máis de 150 anos. Desde hai 30 escenifícase. Os actos teñen moito apoio popular e están moi arraigados entre os veciños.
Esta noite será a procesión do Enterro, o sábado haberá festa e o domingo representarase a Resurrección de Xesús.