Publicador de contidos

Publicador de contidos

A familia de Yoel Quispe pide penas máximas para os tres acusados do seu asasinato

A familia de Yoel Quispe pide penas máximas para os tres acusados do seu asasinato

Reclaman entre 15 e 25 anos de prisión e liberdade vixiada para os implicados

Critican que a Fiscalía só acuse un dos homes por homicidio e pida 14 anos de cárcere

G24.gal 16/05/2025 15:45

A familia de Yoel Quispe, o mozo coruñés de 22 anos asasinado na madrugada do 24 de decembro de 2023 no centro da cidade, pide as penas máximas para tres homes implicados na súa morte.

A acusación particular solicita entre 15 e 25 anos de prisión por un delito de asasinato, fronte aos 14 anos que propón a Fiscalía para un só acusado, ao considerar os feitos como homicidio.

Segundo o escrito do avogado da familia, Adrián Borrajo, o autor material da coitelada que matou a Yoel merece 25 anos de cárcere e 10 anos de liberdade vixiada, ao actuar con aleivosía e aproveitarse do estado físico e anímico da vítima, que non podía defenderse.

Outro dos acusados, considerado cooperador necesario, tamén se enfronta a 25 anos de prisión e 10 de liberdade vixiada por entregar de maneira deliberada a arma ao agresor.

O terceiro, acusado como cómplice, estaba presente durante a pelexa e desfíxose da navalla, segundo a acusación. Para el piden 15 anos de cárcere e 10 de liberdade vixiada.

Actuación conxunta e violenta

A acusación particular sostén que os tres homes actuaron "de forma conxunta e coordinada".

Dous testemuños coinciden en que, na esquina entre as rúas Juan Flórez e Sinfónica de Galicia, un grupo de sete ou oito persoas agredía Yoel repetidamente.

O conflito comezou cun enfrontamento entre Yoel e un integrante doutro grupo, pero logo ampliouse coa intervención activa e violenta dos tres acusados, segundo o relato da acusación, que insiste en que o que podería ser unha mediación rematou en agresión.

Ademais deste procedemento, hai outra causa aberta por un suposto delito de lesións contra dous membros do primeiro grupo agresor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade