A familia de Márcio Perez pide xustiza catro anos despois do seu asasinato no Brasil
Agardan a que se celebre un xuízo que non dá chegado para xulgar o crime que lle custou a vida ao fillo de emigrantes de Ponte Caldelas
Este luns fai catro anos do crime do emigrante galego Márcio Pérez na cidade brasileira de Salvador de Baía. Todo apunta á policía militar do país como responsable da morte de Márcio, que tiña 41 anos e dúas fillas. Pero a súa familia leva todo este tempo agardando a que se lle faga xustiza.
Márcio Pérez foi tiroteado no coche camiño do seu garaxe. A familia loita dende ese ano 2018: primeiro polo informe inicial da autopsia, que dicía que fora un accidente e mesmo ignoraba que recibira oito disparos.
Cando identificaron os supostos autores do tiroteo, eran dous policías que alegaron que Márcio saltara un control policial. A coartada caeu polo seu propio peso: os axentes estaban fóra da súa zona de patrulla, non sinalizaron o suposto control e tiñan as luces. Non foron detidos e continuaron traballando.
Cinco meses despois foron arrestados, pero agora están en liberdade á espera dun xuízo que non chega.
José Antonio Santana, tío de Márcio, relata a impotencia da familia: "Este caso non se move, coa particularidade, segundo noticias que teño, de que o fiscal, que xa cambiaron catro veces de fiscal, non sei se iso dificulta que se celebre xa o xuízo", e engade que "son policías, empregados do Estado. Eu, como cidadán, quedo coas dúbidas de que esta xente tente atrasar ou facer oídos xordos para que estas cousas queden en agua de castañas".
A familia deste fillo único dunha parella emigrante de Ponte Caldelas pide unha maior implicación das institucións para axudar as fillas de Márcio Pérez, que aínda son menores de idade.