A familia da octoxenaria desaparecida en Lugo pide que se revisen as gravacións das cámaras
Tanto a familia como as persoas achegadas seguen a buscar a Isaura Vázquez por toda a cidade
A octoxenaria desaparecida en Lugo, Isaura Vázquez, fora vista por última vez nunha froitería da avenida da Coruña. A responsable da tenda recoñeceuna, e coa gravación das cámaras de seguridade puido corroborar que se trataba da mesma muller de 85 anos que leva xa sete días en paradoiro descoñecido.
"Chamei e comuniqueille á familia que estivo aquí esa señora, que a coñezo de vista por ser tamén de Fingoi, onde temos outra froitería. Ao día seguinte veu a policía, preguntoume, e asegureilles que era ela, que viña coa cabeza baixa, como se ve nas imaxes", explica a froiteira Marta García.
A fin de saber cara a onde se puido dirixir Isaura, a súa familia fai agora un chamamento para que os locais da zona e de toda a cidade revisen as imaxes das cámaras de videovixilancia. Piden, ademais, que se faga unha inspección ocular nos garaxes e nas parcelas con maleza.
"Revisar os terreos todos que estean tanto ás aforas de Lugo como nos arredores. Hai moitas parcelas con maleza, e non podemos acceder a elas por estaren pechadas. Mirouse con drons, pero non se conseguiu nada", sinala Francisco López Vázquez, fillo da desaparecida.
"Primeiro a busca centrouse nesa zona próxima, pero mirouse todo e non se atopou nada. Pedímoslles aos veciños da avenida da Coruña, e de todo Lugo, que fagan unha revisión nos garaxes, porque puido pillar un aberto nun determinado momento e neles hai recunchos que non son accesibles. A ela colleuna a noite e puido refuxiarse nun garaxe", engade Divina López Simón, nora de Isaura.
Entrementres, tanto a familia como as persoas achegadas seguen a buscar a desaparecida por toda a cidade.
Fotografía de Isaura Vázquez, de 140 cm de altura, con teléfonos de familiares