Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fábrica de monopilotes de Navantia-Fene estréase cun contrato para Escocia

A fábrica de monopilotes de Navantia-Fene estréase cun contrato para Escocia

Construirá 14 estruturas para o parque eólico 'offshore' Moray West

Executaranse en dez meses e xerarán 280.000 horas de carga de traballo

G24.gal 22/07/2022 17:36

O consorcio de Navantia Seanergies, división verde do grupo Navantia, e Windar Renovables executará 14 estruturas para o parque eólico offshore Moray West, en Escocia, no que será o primeiro contrato para a nova fábrica de monopilotes XXL que as compañías constrúen en Fene.

Segundo comunicaron ambas as dúas empresas, o proxecto foi adxudicado pola firma Ocean Winds e a provisión de materiais comezará nos próximos días. De acordo coas súas previsións, o os traballos de produción na nova fábrica comezarán en decembro.

Carga de traballo

Sobre o pedido, aseguran que o prazo de execución global é de 10 meses e xerará 280.000 horas de carga de traballo, cunha media de 150 empregos directos mensuais. O parque eólico escocés terá unha capacidade de xeración de 882 megawatts grazas a 60 turbinas de 14,7 megawatts.

Segundo Navantia e Windar Renovables, os monopilotes terán unha lonxitude aproximada de 90 metros, un diámetro máximo de 10 metros e un mínimo de 8 e un peso máximo de 2.000 toneladas.

"Este tipo de pilotes XXL, o produto con maior cota de mercado entre as cimentacións fixas, é novo para Navantia-Windar", matizaron.

Valoracións

O presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, remarcou que o primeiro contrato de monopilotes XXL é "un éxito pola diversificación" no seu catálogo de produtos de eólica mariña.

Así mesmo, indicou que a empresa aposta "por un produto de gran percorrido nos próximos anos e por desenvolver o tecido industrial na ría de Ferrol".

Pola súa banda, o presidente executivo de Windar Renovables, Orlando Alonso, sostivo que a alianza con Navantia converteulles en "actor destacado da transición ecolóxica".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade