A expulsión de Marín afunde o Celta Fortuna (3-0)
O Celta foi mellor ata a expulsión en Guadalaxara
Javi Gómez, Muñoz e Amigo foron os goleadores
Os celestes marcharon moi disgustados co traballo arbitral
Como lle cambiou o partido o Celta Fortuna coa expulsión de Álvaro Marín. Recibiu o primeio cartón amarelo no minuto dez, nun balón ao que chegou tarde na medular. E o segundo ao fío da medio hora, cando foi cos tacos por diante, a altura do xeonllo, na procura dun rexeite na área rival. Ata ese minuto 28 o filial fora mellor. O Guadalaxara non tirara nin a portería.
A partires de aí, os locais foron arriba e comezaron a acosar a meta celeste. En especial, por medio de Javi Gómez. E nunha delas, nunha perda de Jaime Vázquez na banda, conseguiu centrar Tavares e Gómez marcou para o Guadalaxara (minuto 34). Na primeira parte, logo da expulsión de Marín, o Celta perdeu o rumbo.
No segundo período, Fredi deu entrada a Somuah, un punta, por Jaime Vázquez, un defensa. O adestrador galego amosaba a intención. E filial foi arriba. Tanto que, ao cuarto de hora, conseguía empatar por medio de Somuah. Mais o colexiado anulouno por unha falta anterior de Gavián. Protestaron os celestes e o árbitro acabou por expulsar a Fredi. Máis lea, máis polémica... E o filial volveuse despistar. E os seguintes minutos foron locais. Cun Guadalaxara que puido ampliar. Tivo opcións claras, a que máis un remate franco, nun córner, de Toño Calvo. Estaba case na área pequena e mandouna alta.
O Celta tivo fortuna neses minutos. A falta de 20 minutos para conclusión, volveu recobrar o sentido, o aire, e lanzouse a pola acometida final. Unha acometida na que meteu atrás ao Guadalaxara e estes aproveitaron unha contra para resolver. Con pase de David Amigo e gol de Muñoz (minuto 74). Os galegos pediron fóra de xogo na xogada. O terceiro chegaría nos segundos finais, noutra transición, que aproveitou Amigo.
Polémica arbitraxe e derrota que deixa a sensación de que o filial tiña máis fútbol e, por cousas alleas ao balón, acabou por eixar marchar o partido.