A estrea das pantallas no Corredoiro en Xinzo: saen por primeira vez e enchen de maxia a vila
Unha morea de pantallas xúntase na Praza Maior para correr o Entroido e a xente goza cos seus chimpos, bailes e o sons das súas vexigas e campaíñas
O de Xinzo é, por agora, o único de Galicia declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Xunto co de Verín e o de Laza, é o terceiro vértice do triángulo máxico ourensán.
Domingo Corredoiro, e en Xinzo de Limia é unha das xornadas máis especiais porque levan un ano agardando para ver de novo polas rúas as pantallas. É a estrea da súa máscara, personaxe principal dun Entroido que combina a tradición e a modernidade, o único en Galicia declarado Festa de Interese Turístico Internacional.
Había moitas ganas e moito ambiente xa desde pola mañá. Alí xa van polo terceiro domingo do seu ciclo festivo, o máis longo da Península. Despois do Fareleiro e o Oleiro, o Corredoiro é un momento dos máis emocionantes para a xente da Limia.
É o son das pantallas de Xinzo de Limia. Convocadas polo Concello chegan xuntas correndo, e axitando as súa vexigas van entrando á Praza Maior da vila puntuais coa tradición.
"Moita emoción porque é o primeiro día e levabamos todo o ano agardando por hoxe. Desexando correr toda a mañá e gozar, que para iso é o Entroido", di unha pantalla que acaba de chegar á Praza Maior da vila.
"Dos días máis bonitos, o primeiro día que saen as pantallas", afirma un veciño.
No Domingo Corredoiro as pantallas son as raíñas do seu Entroido, en grupos, como adoitan facer, ensinan o seu particular baile.
Unha tradición que vai pasando de xeración en xeración e por iso aquí sempre nos din que o Entroido é un sentimento que maman desde ben pequeniños.
"Desde que somos pequenos empezamos a saír, e logo despois cando temos fillos, ímosllelo transmitindo e segue así a tradición", explica un mozo que leva con el as súas dúas fillas vestidas de Pantalla.
"Eu empecei de pequeniña e as miñas irmás, meu pai era pantalla, meus tíos eran pantallas e fóronnolo metendo, inculcando. Cada vez hai máis nenos e nenas e iso é un bo sinal porque sabemos que isto non se vai perder", conta Leticia, que leva toda a súa vida vestindo o traxe do Entroido limiao".
"Sempre o vía pola tele e velo aquí... A min encántame isto", di unha moza que por primeira vez participaba no Corredoiro convidada por unha amiga de Xinzo.
E o día segue con moita troula, e retranca porque agora si que xa non queda nada para os días grandes do Entroido.