Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Estrada busca xente para recoller unha das mellores colleitas de mazá de sidra

A Estrada busca xente para recoller unha das mellores colleitas de mazá de sidra

Este ano as maceiras teñen moita cantidade de froito

G24.gal 14/08/2023 16:28

Este ano as polas de moitas maceiras dobran da carga que teñen. É ano de mazá de sidra e máis no concello da Estrada, cunha capacidade de produción de preto dun millón e medio de quilos, case toda ela ecolóxica.

"A Estrada é hoxe un referente na mazá de sidra ecolóxica certificada. Somos principal produtor de mazá e sidra e un dos principais produtores de toda Europa, polo tanto, para A Estrada é un sector punteiro e que está medrando axeitadamente", di Orlando Villamayor, presidente da cooperativa Maestra.

Mónica, que fixo da mazá a súa alternativa laboral, está a preparar as parcelas para a colleita, que prevén comezar a finais de setembro, e agardan algo de auga, tampouco moita, para terminar de encher as mazás.

"Pois este ano vai ser bo de mazá, como case todos os impares e preséntase relativamente ben. Non vai ser a produción de hai dous anos, que se esperaba moita máis, este ano si que hai algunha maceira que non ten produción, pero vai ser boa", di Mónica Brey, vicepresidenta da cooperativa Maestra.

No tempo da colleita, que dura entre un e dous meses é necesaria man de obra para apañar, algo que ás veces é difícil de atopar. Por iso algúns produtores como Mónica están a apostar pola mecanización da colleita, para o que emprega unha varredora coa que conta desde hai catro anos.

"Pois iso, evitar a man de obra e poder optimizar o traballo. Nós movemos arredor de 100.000 quilos e movémolos nós sós, sen necesidade de contratar a ninguén, ou sexa tres persoas son suficientes para facer toda a colleita", di Mónica Brey, vicepresidenta da cooperativa Maestra.

"Temos que ir cara á mecanización, de feito xa estamos falando con interlocutores da Xunta de Galicia para que nos boten unha man para ver como podemos mecanizar máis o sector. Hoxe hai máquinas que traballan de xeito rápido e efectivo, e sobre todo traballar en común, traballar en cooperativa", di Orlando Villamayor, presidente da cooperativa Maestra.

Camiños de profesionalización para seguir facendo da mazá un dos motores económicos da Estrada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar