Publicador de contidos

Publicador de contidos

A estación intermodal de Lugo abrirá na primavera de 2026

A estación intermodal de Lugo abrirá na primavera de 2026

As obras entran na súa fase máis complicada: a construción do paso subterráneo que unirá o centro da cidade coa nova terminal

O delegado do Goberno visitou os traballos e asegurou que "avanzan a bo ritmo"

Obras na estación intermodal de Lugo Obras na estación intermodal de Lugo
G24.gal 21/02/2025 16:22

As obras de construción da estación intermodal de Lugo avanzan nos prazos previstos para que sexan concluídas a finais deste ano para a súa posta en funcionamento na primavera de 2026. Agora, traballan no túnel que conectará o centro da cidade coa terminal. 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, visitou este venres as obras da estación acompañado pola alcaldesa da cidade, Paula Alvarellos; o presidente da Deputación, José Tomé; o director xeral de Adif Alta Velocidade, Juan Pablo Villanueva, e a subdelegada na provincia, Isabel Rodríguez.

Tras recibir as explicacións técnicas da obra e facer un percorrido polas mesmas, Blanco asegurou que estas "avanzan a bo ritmo", o que fai manter as previsións de finalización nos prazos previstos.

A obra implica un investimento de 22,3 millóns de euros para executar unha actuación global que inclúe un novo edificio de viaxeiros, a adecuación da zona de plataformas, un paso inferior mixto para uso de viaxeiros e para uso público, unha pasarela peonil e a urbanización da contorna, quedando integrada nunha praza intermodal que conectará as terminais de ferrocarril e autobús.

Agora está a executarse o empuxe de terras baixo vías para crear un paso inferior que terá unha dobre funcionalidade: por unha banda, o acceso á plataforma central da estación e por outra o seu uso como paso peonil unindo desta forma o barrio do Sagrado Corazón coa praza Conde Fontao.

Xa se fixeron os traballos de medición das catro vías da estación, necesarios para realizar o empuxe do paso inferior, construído en formigón de forma previa na zona anexa. Esta operación está a realizarse sen interromper o tráfico ferroviario, "polo que leva máis tempo", indicou Villanueva. "Trátase de empuxar 6.500 toneladas con 40 gatos ao longo de 40 metros", indicou. 

Ademais, unha vez demolido o antigo edificio de Correos, avanzan tamén os traballos de construción do novo edificio da estación coa execución da estrutura en planta baixa e planta alta.

Pedro Blanco, Paula Alvarellos, José Tomé e Juan Pablo Villanueva visitan a obra da estación de Lugo Pedro Blanco, Paula Alvarellos, José Tomé e Juan Pablo Villanueva visitan a obra da estación de Lugo

Para Pedro Blanco, estas obras converten a Galicia no gran nó da nova mobilidade no Noroeste de España. "A nova estación de Lugo enmárcase nos compromisos feitos realidade por este Goberno que van permitir a Lugo situarse no lugar que lle corresponde, crecendo e alcanzando un porvir competitivo mediante unhas mellores vías de comunicación", subliñou.

Ademais, destacou a "importancia" que o Executivo de Pedro Sánchez dá a Lugo "ao recuperar o tempo perdido polas anteriores administracións e deixando atrás as súas promesas incumpridas, que tiñan a esta provincia esquecida e illada".

"Atrás quedaron eses tempos de promesas incumpridas e cantos ao Sol que estaban deixando a Lugo nun lugar que non lles correspondía (...) Estamos a poñer Lugo no lugar que lle corresponde, que é o século XXI, en materias de infraestruturas e en todo o que comporta, unha evolución social, económica e territorial", engadiu.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, explicou que se trata "dunha infraestrutura chave para as comunicacións porque articula o territorio e establece unha conexión directa coa Coruña, unindo a provincia coa alta velocidade de forma directa e mellorando tanto a mobilidade de viaxeiros como o transporte de mercadorías", afirmou.

Asegurou que a estación intermodal de Lugo, "mellorará notablemente a accesibilidade da cidade, converténdoa nun punto clave da rede de transportes de Galicia".

Pola súa banda, a alcaldesa Paula Alvarellos mostrou a súa satisfacción polo avance das obras e puxo esta infraestrutura de exemplo de colaboración entre institucións, agradecendo a dedicación e investimento que se realiza en Lugo, "compromisos que son reais e ademais rápidos".

Explicou que esta obra "afecta todo o urbanismo da cidade" facendo referencia ao paso subterráneo e tamén "a un cambio da mobilidade" para o que lembrou o proxecto de instalación dun mecanismo, aínda en estudo cal será, para conectar a estación co centro da cidade.

Por outra banda, Pedro Blanco agradeceu o seu compromiso con esta provincia ao ministro de Transportes, Óscar Puente. Neste sentido, o delegado fixo fincapé nas actuacións que o Goberno está a desenvolver para dinamizar a mobilidade lucense.

Entre elas, citou a modernización da liña ferroviaria que une a cidade con Ourense, con 600 millóns de euros de investimento ou a conexión en tren con Santiago. Respecto a isto, o Ministerio de Transportes traballa simultaneamente en dous eixos: a finalización da autovía A-54, que estará finalizada este mesmo ano, e a conexión a través do tren, sobre a que esta mesma semana adxudicouse o estudo de viabilidade.

Ademais, o Goberno pon o foco no mantemento das infraestruturas, como é o caso da A-6, na que vai destinar máis de 30 millóns de euros para seguir avanzando no incremento da seguridade mediante as reparacións do seu firme. "Súmanse aos 20 millóns xa executados, polo que o Goberno superará os 50 millóns destinados ao acondicionamento desta autovía, só en Lugo", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade