Fai un ano do accidente mortal do Rosal, sen data aínda para o xuízo
A vítima mortal conducía unha moto que foi golpeada polo condutor dun coche que fuxiu sen prestarlle auxilio
Fai un ano do tráxico accidente en que Brais Otero perdeu a vida no Rosal. Nun día coma o de hoxe, a dor pola súa perda mestúrase para os seus familiares coa necesidade de que se faga xustiza.
Á moto que conducía o mozo atropelouna un turismo. O seu condutor fuxiu sen prestarlle auxilio e entregouse días despois. Ingresou en prisión, pero quedou en liberdade provisional tras o pago dunha fianza de 150.000 euros. A familia non entende esta decisión, xa que ten antecedentes por outros delitos viarios graves.
A Garda Civil reconstruíu o accidente e a investigación xudicial demostrou que o investigado conducía superando os límites de velocidade permitidos. A instrución está aberta á espera do sinalamento dunha vista na que a familia agarda que se faga xustiza. O condutor investigado deberá responder no xuízo por homicidio por imprudencia grave, omisión do deber de socorro e por un delito contra a seguridade viaria.