A escaseza dalgúns peixes e mariscos polo temporal fai subir os prezos antes do Nadal
Da semana pasada a esta, a cigala e o lumbrigante subiron 20 euros o quilo e a nécora custa 30 euros máis. O percebe xa vai polos 200 euros
Semana grande nas prazas de abastos. Porén, o temporal está a influír nos menús de Nadal.
Os que prefiren o marisco fresco ou non tiveron a previsión de conxelar, van notar unha suba de prezos brusca a poucos días da Noiteboa, ao escasear certos peixes e mariscos típicos das preparacións festivas, como o peixesapo e o camarón.
Contaban con máis capturas pero o mal tempo no mar fixo minguar a cantidade e subiu os prezos de golpe a catro días da Noiteboa. Da semana pasada a esta, a cigala subiu 20 euros o quilo, igual que o lumbrigante. A nécora custa 30 euros máis e o percebe xa vai a 200 euros na lonxa como nos contan os peixeiros e peixeiras da praza de abastos da Coruña.
En canto ao peixe, o temporal só influíu nalgúns prezos como peixe sapo, escaso, e a robaliza.
Para quen non aproveitou antes para conxelar ou tira a casa pola ventá, o gasto dispárase. A maioría encarga en fresco para o mesmo día. Nesta praza, venres e sábado están desbordados de pedidos, a calquera prezo.
Quedan catro días en que pode pasar de todo, pero a tónica, dinnos, é que os prezos suban aínda máis porque hai pouco marisco, non sendo que o temporal dea unha tregua.
O mar e a previsión meteorolóxica cóanse deste xeito en moitos menús de Nadal.