A enchente dos ríos sitúa A Peroxa, Ribadavia, Tui e O Barco nivel vermello
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) non agarda que os niveis dos ríos comecen a baixar do nivel actual ata este próximo sábado
A Xunta mantén activado o plan Inungal con 21 ríos con risco de inundación
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) mantén en nivel vermello catro puntos de control dos ríos Miño, Sil e Louro, ao seu paso polas localidades ourensás da Peroxa, Ribadavia e o Barco de Valdeorras, e da pontevedresa de Tui.
Segundo os datos do sistema de control da CHMS, está en nivel vermello un dos puntos de control do río Sil ao seu paso polo Barco de Valdeorras, así como o Miño ao seu paso pola Peroxa, a confluencia dos ríos Miño e Avia en Ribadavia, e o río Louro ao seu paso por Tui.
Igualmente, están en nivel laranxa o río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense, o Avia en Ribadavia, o Limia en Bande (Ponteliñares), outro dos puntos de control do Sil no Barco de Valdeorras e, no municipio pontevedrés de Salvaterra, o río Miño e o río Tea.
Segundo explicou o xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da CHMS, Carlos Ruiz do Portal, mentres que o Sil e o Miño teñen un caudal "estabilizado" tras alcanzar os seus niveis "punta", tanto o río Avia como o Arnoia, na zona do Ribeiro, experimentarán as súas "puntas" nas próximas horas.
Deste xeito, os ríos tributarios aos eixes principais do Miño, do Sil e do Limia, coa choiva prevista para este xoves pola tarde e ata a tarde do venres, "irán alcanzando as súas puntas para empezar a descender xa pola tarde" e manteranse en valores similares aos actuais "polo menos ata o sábado", momento en que se empezará a ver "quizais unha diminución máis notable dos niveis dos caudais debido a que cesan as precipitacións".
Acumulación de chuvia
Ruiz do Portal explicou que, tras as choivas deste mércores, desde o principio do ano hidrolóxico, xa se recolleron 952 litros por metro cadrado na parte galega da demarcación, "un 45 % superior ao valor medio para esta data".
Así, indicou, nos 11 días de febreiro que xa se completaron, dobrouse o valor medio de precipitación de pluviosidade de todo o mes de febreiro, dun mes de febreiro medio, que son 106 litros por metro cadrado e chegouse xa a 210 litros por metro cadrado.
Os encoros desta demarcación presentan unha ocupación media de case o 90 %, con moitos deles, nas provincias de Ourense e Lugo, por encima dese nivel. Así mesmo, están desaugando as presas de San Martiño en Quiroga (919,49 metros cúbicos por segundo), Montefurado en Quiroga (181,89 m3/seg), Bao no Bolo (188,58 m3/seg) e Velle en Ourense (2.345,93 m3/seg).
Plan Inungal
Mentres, a Xunta mantén activado o plan Inungal e están baixo vixilancia, en nivel vermello por risco directo de inundación, os ríos Miño (na Peroxa), Avia (en Ribadavia) e Louro (en Tui).
Tamén están baixo vixilancia, en nivel laranxa por risco elevado, os ríos Mero (Cambre), Xubia (San Sadurniño), Barcés (Abegondo), Cambeda (Vimianzo), Tambre (Oroso e Trazo), Ulla (Santiso) e Sar (Bertamiráns), na provincia da Coruña.
Na provincia de Pontevedra están en nivel laranxa os ríos Gallo e Umia (Cuntis), Umia (Ribadumia), Bermañana (Caldas), Gallo (Cuntis), Lérez (Pontevedra), Miñor (Gondomar), Cabeiro (Redondela), Tea (Salvaterra e Ponteareas) e Miño (Salvaterra).
E na provincia de Ourense, os ríos Avia (Ribadavia, Leiro), Miño (Ourense), Arnoia (Baños de Molgas, Arnoia), Limia (Bande) e Sil (O Barco de Valdeorras).