Publicador de contidos

Publicador de contidos

Nils deixa 300 incidencias: caída de árbores, cortes de vías. problemas no transporte e rebordamentos

Nils deixa 300 incidencias: caída de árbores, cortes de vías. problemas no transporte e rebordamentos

Tres ríos en alerta máxima polo risco de desbordamento en Tui, Ribadavia e A Peroxa, e previsión de acumulados de ata 80 l/m2 en 12 horas no interior da provincia de Pontevedra

Refachos de máis de 100 km/h no norte de Lugo e A Coruña, e o nivel de aviso no mar subirá a vermello na costa coruñesa esta noite

Un hostal desaloxado e varias estradas cortadas no Salnés pola enchente do Umia

Árbore de 3.000 quilos que caeu sobre unha condutora en Caldas de Reis (Emerxencias Cuntis)
G24.gal 11/02/2026 11:42 Última actualización 12/02/2026 08:50

O 112 Galicia xestionou un total de 300 incidencias relacionadas coa meteoroloxía adversa dende a medianoite ata as 18 horas de hoxe. Cómpre lembrar que nestes momentos permanecen vixentes alertas de nivel laranxa por chuvias e vento, así como un aviso costeiro laranxa que acadará o nivel vermello no noroeste da Coruña ao longo das próximas horas. O Plan Inungal mantense activo en fase de preemerxencia.

No que respecta ás incidencias máis repetidas, destacan a caída de árbores e pólas nas vías de circulación, con 104 casos rexistrados.  Unha moza de 20 anos de idade logrou salvar a vida na tarde deste mércores tras caer unha árbore de 3.000 kilos sobre o seu coche cando circulaba pola estrada EP-8008, en Caldas de Reis.

Segundo informaron a Europa Press fontes do operativo, o suceso tivo lugar ás 15,05 horas no lugar de Cesariños, na parroquia de San Clemente deste municipio pontevedrés.

A árbore deixou o vehículo totalmente desfeito, pero a pesar do aparatoso do accidente, a moza só resultou ferida leve e foi trasladada polos servizos de Urxencias Sanitarias ao Hospital de Montecelo.

Tamén foron recorrentes as intervencións por restos de accidentes e obxectos desprazados sobre o asfalto (17), así como as actuacións de prevención de riscos (como o apuntalamento de elementos inestables ou o saneamento de fachadas polos efectos do vento), con 28 actuacións. Finalmente, a intensidade das precipitacións deixou casos de asolagamentos en rúas (3), garaxes (1) e vivendas (3), así como bolsas de auga en diversas estradas. Durante o día tamén se contabilizaron 54 accidentes en estradas, 35 deles sen danos persoais. En dúas ocasións precisouse a intervención dos servizos de emerxencias para liberar algún dos implicados.

Non faltaron tampouco ao longo da xornada os cortes na subministración eléctrica en localidades como Ferrol, fene ou Narón e tamén nalgúns puntos da Costa da Morte, como Malpica.

En canto á distribución das incidencias, Pontevedra é a provincia máis afectada con 129 casos, seguida da Coruña con 101, Lugo con 42 e Ourense con 28. Os concellos con máis rexistros foron Vigo con 18, A Estrada e Lugo (10 cada un), A Coruña (9), Pontevedra (9) e Moaña (8).

Son múltiples os impactos na rede de estradas de Galicia polas sucesivas borrascas que azoutaron a comunidade durante semanas. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico, a OU-0305 entre Ribadavia e A Reza, a OU-1011 entre Queizás e Oímbra e a OU-1114 entre O Mosqueiro e A Ponte Liñares están en vermello por inundacións.

Un tramo de 2,1 quilómetros da AG-57 ao seu paso por Gondomar permanece cortado desde onte debido a un desprendemento de terra nun noiro nunha das marxes da autoestrada por mor das fortes choivas. Os técnicos analizaron este mércores as causas do desprendemento, e o carril sentido Baiona permanecerá pechado unha semana ante o risco de novos aludes.

O mesmo ocorreu na LU-P-1402 ao seu paso polo municipio de Cervantes, o que obrigou a restrinxir a circulación.

As chuvias provocaron tamén outro desprendemento de terra que obrigou este mércores a cortar a OU-0306, que une San Cristovo e Leiro, ao seu paso por Faramontaos, en Carballeda de Avia.

Voos desviados ou cancelados en Peinador e Alvedro

O temporal que afecta estes días a Galicia obrigou a cancelar e a desviar varios voos tanto no aeroporto de Peinador, en Vigo, como no de Alvedro, na Coruña.

Segundo informaron a Europa Press fontes de Aena, en Peinador, o voo procedente de Barcelona desviouse ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro, polo que se cancelou o voo asociado de saída.

Ademais, un avión procedente de Madrid regresou á orixe ao non poder aterrar en Vigo. Por iso, tamén se cancelou o de saída a Madrid.

Pola súa banda, no aeroporto da Coruña, o voo procedente de Madrid regresou á orixe por mala meteoroloxía en destino; mentres que outro voo procedente de Gatwick desviouse ao aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

Suspendida a circulación ferroviaria entre Ferrol e Ribadeo

 A circulación de trens no ancho métrico entre Ferrol (A Coruña) e Ribadeo (Lugo) foi suspendida na tarde deste mércores debido ás condicións meteorolóxicas adversas.

Segundo informaron fontes de Renfe, a suspensión afecta a Proximidades e Rexional, con conexión a Asturias.

Renfe explorará á primeira hora da mañá do xoves a vía para estudar a posibilidade de renovar a circulación. Ademais, sinalou que se poñerán medios alternativos sempre que as condicións meteorolóxicas non o desaconsellen.

Risco de rebordamentos

A borrasca Nils está a provocar este mércores incidencias no transporte e as estradas galegas. Ademais, hai tres ríos en alerta máxima por risco de desbordamento e varios avisos laranxas, á espera de que esta noite se active o vermello por temporal costeiro na Coruña.

O río Louro ao seu paso por Tui, na provincia de Pontevedra, e o Avia en Ribadavia e o Miño, na Peroxa, na de Ourense, están en nivel vermello -o máis alto- polo elevado nivel dos seus caudais e con "risco directo" de inundación, alertou este mércores a Axencia Galega de Emerxencias (Axega).

Segundo os datos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o caudal do Miño na Peroxa estaba en 6,52 metros no punto de control -considérase vermello a partir de 5,5-, con tendencia estable.

Tamén estable está o caudal do Louro en Tui, cunha altura de 2,07 metros -vermello a partir de 1,80-, mentres que a confluencia do Avia co Miño en Ribadavia marcaba 4,23 metros -vermello por encima de 4 metros-, con tendencia á baixa.

Ademais, máis dunha decena de puntos de ríos das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña atopábanse en nivel laranxa, o segundo nunha escala de tres, baixo vixilancia.

O impacto da borrasca Nils podería complicar a situación, con alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra e amarela, tamén por precipitacións, no resto desa provincia, en case toda a de Ourense e na montaña de Lugo. 

Na provincia pontevedresa xa se rexistraron acumulados de máis de 60 litros por metro cadrado (l/m2) en Cotobade e Cuntis. Para este mércores, a Aemet prevé acumulados de ata 80 l/m2 en 12 horas, con maior probabilidade canto máis ao sur

En Lugo capital, onde a pasada fin de semana derrubouse unha parte da muralla pola choiva, o balneario ten funcionando as bombas de achique durante as 24 horas do día para evitar que as instalacións deste establecemento hostaleiro situado a beiras do Miño queden asolagadas. Ademais, o Concello ordenou esta mañá o peche de todos os parques da cidade.

Asolagamento no colexio de Mondariz-Balneario

O Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega colaborou no achique de auga no colexio de Mondariz-Balneario, xunto ao GES-SPEIS de Ponteareas e a Garda Civil. Ademais, o vento provocou caídas de uralitas e partes de fachadas sen danos persoais en diferentes puntos da comunidade. Por exemplo, en Pontevedra, onde afectaron a varios coches ou en Mos, onde se desprendeu o tellado dunha nave sen provocar danos persoais.

Cortada unha rúa en Pontevedra pola caída de uralitas

Parte da rúa Eduardo Pondal de Pontevedra foi pechada ao tráfico tras caer uralitas dun edificio debido ao temporal que estes días afecta a Galicia.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o suceso tivo lugar sobre as 14:15 horas da tarde, cando unhas placas do edificio caeron sobre a estrada e encima dos vehículos que permanecían estacionadas.

Ante iso, o CIAE 112 Galicia alertou os bombeiros, a Policía Local, Policía Nacional e os efectivos de Protección Civil.

Pola súa banda, fontes do Concello consultadas por Europa Press explicaron que parte da vía foi cortada ao tráfico, tendo en conta que os efectivos de emerxencia están a supervisar se é necesario retirar algún outro elemento.

Deste xeito, a Policía Local procedeu a desviar o tráfico polas rúas adxacentes.

Aviso laranxa por vento

O noroeste da provincia da Coruña e A Mariña de Lugo están este mércores en alerta laranxa por vento, o que levou varios concellos a tomar medidas de precaución. É o caso de Ferrol, que pechou os parques, e de Viveiro, onde pecharon parques e xardíns e prohibiron a realización de actividades ao aire libre en instalacións municipais.

Estas restricións únense ás decretadas onte pola Xunta, que suspendeu toda a actividade no exterior dos centros escolares e a deportiva no exterior nos municipios afectados polas alertas laranxa por choiva ou vento. Tamén está suspendida toda a actividade deportiva federada no mar.

O vento levanta a cuberta da piscina de Abegondo

O temporal estragou por completo a cuberta da piscina municipal do concello coruñés de Abegondo. A piscina, situada no exterior e tapada unicamente pola estrutura, quedou completamente exposta. Parte da cuberta caeu no camiño da parte de atrás, sen causar danos persoais.

A estrutura quedou esnaquizada A estrutura quedou esnaquizada

Un refacho de 142 km/h

Os efectos de Nils quedan patentes nos números rexistrados nas estacións meteorolóxicas: Muras anotou hoxe un refacho de vento de 142 quilómetros por hora.

Na comarca da Mariña, concretamente no municipio de Ribadeo, rexistrouse tamén a temperatura máis alta de Galicia nesta xornada, dado que o termómetro subiu ata os 18,8 graos na estación meteorolóxica situada no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias, nese mesmo municipio lucense. 

Problemas na rede ferroviaria e o transporte marítimo

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias comunicou na tarde deste mércores a suspensión temporal da circulación de trens entre os apeadoiros de Ponte Mera e Ortigueira pola caída dunha árbore sobre o tendido ferroviario. Ademais, sinalou que se estableceu un plan alternativo de transporte para "garantir a mobilidade" dos usuarios afectados por este feito, acontecido nunha nova xornada de condicións meteorolóxicas adversas na área de influencia de Ferrolterra. 

A borrasca tamén está a causar incidencias no transporte, e o servizo marítimo entre as dúas beiras da ría de Vigo foi cancelado por mor das condicións meteorolóxicas, con alerta laranxa por mal mar en todo o litoral galego.

Esta noite, a partir das 23:00, a Axencia Estatal de Meteoroloxía  elevará o aviso a vermello (perigo extraordinario) no noroeste da Coruña.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade