Publicador de contidos

Publicador de contidos

A economía social: unha aposta estratéxica para Galicia

OPINIÓN

A economía social: unha aposta estratéxica para Galicia

G24.gal 29/11/2022 08:04

No Informe sobre a Economía Social en Galicia 2021 analízanse a principal información das empresas da Economía Social Galega da Economía de Mercado.

Así, en Galicia hai máis de 6.000 entidades que conforman a chamada economía social de mercado. Son: 1.145 cooperativas, 656 sociedades laborais, 117 centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, 4 mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pescadores, 1.072 sociedades agrarias de transformación (SAT) e 3.013 comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC).

O peso destas entidades na economía galega é, polo tanto, moi relevante. En termos de emprego falamos de case 8.000 en cooperativas e máis de 6.000 nas laborais (que representan só o 64 % destas entidades), 2.000 nos centros especiais de emprego e 182 nas empresas de inserción laboral. Nas confrarías, pódense sumar os 7.493 traballadores e traballadoras asociados (pero non se está a contabilizar o emprego das 4.000 empresas afiliadas) e no caso das SAT e das CMVMC non dispoñemos de datos de emprego pero si dos máis de 10.000 comuneiros e 119.000 asociados, respectivamente, o que nos pode dar unha idea do posible emprego xerado.

Con relación ao ano anterior, no informe destácase o importante crecemento do número de cooperativas en Galicia (135 novas, a cifra máis elevada da serie histórica, nas que o 51 % dos socios promotores son mulleres), 28 sociedades laborais (o que nos sitúa como a terceira comunidade autónoma en creación destas sociedades, cuxo 35 % dos socios son mulleres), 10 novos centros especiais de emprego e 1 empresa de inserción laboral).

O informe compleméntase cun apartado sobre o marco xurídico e novidades lexislativas, coa análise das políticas públicas para o desenvolvemento da economía social en Galicia, o estudo do sector financeiro cooperativo en Galicia e unha aproximación ao impacto socioeconómico das sociedades laborais e as cooperativas en Galicia.

Este informe responde a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021, que establece como un dos seus obxectivos aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuadas.

Pero, máis aló dos datos cuantitativos, son os propios principios das entidades que conforman a gran familia da economía social os que mostran o interese destas empresas para o noso desenvolvemento económico e social e para dar cumprimento de varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas.

Son entidades que contribúen á cohesión social e do territorio, poñen o foco nas persoas (e non no capital achegado), e xeran emprego inclusivo, igualitario e solidario.

Para finalizar, hai que salientar que Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar cunha lei propia, a Lei 6/2016 da Economía Social de Galicia, e cunha estratexia para visibilizar e impulsar a creación, mantemento e crecemento destas empresas, cunha dotación orzamentaria específica e cunha clara aposta por estas entidades como “fórmula de éxito” para emprender novos negocios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar