A DXT prevé 1,4 millóns de desprazamentos en Semana Santa na rede viaria galega
Tráfico despregará 560 axentes e organizaranse 1.600 dispositivos de control
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou este venres a campaña especial de Tráfico con motivo da Semana Santa, cando se despregarán 560 axentes da Garda Civil e se organizarán 1.600 dispositivos de control na comunidade autónoma.
A campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico divídese en dúas fases: a primeira, de operación saída, iníciase este venres ás 15:00 horas e prolongarase ata a tarde do domingo, e a segunda será desde o mércores ata o luns 18 de abril.
Na zona noroeste, en que se enmarca Galicia, prevense máis dun millón de desprazamentos, 375.000 na primeira fase e 850.000 na segunda.
O lema da campaña é Fagamos que o Big Data se equivoque, en referencia á predición que fan os algoritmos que prognostican que nesta semana Santa morrerán 36 persoas nas estradas españolas, tres delas en Galicia.
José Miñones lembrou que 23 persoas morreron no que vai de ano, sete máis que no primeiro trimestre do ano anterior e unha cifra similar á do mesmo período de 2019, antes da pandemia. “Imos ser inflexibles na vixilancia. Imos poñer todos os medios ao noso alcance para conseguir que os desprazamentos se fagan para que as persoas volvan sas e salvas a casa”, remarcou.
Miñones ofreceu cinco recomendacións: consultar o estado das estradas, facer uso do cinto, controlar a velocidade, non conducir baixo o efecto do alcol ou as drogas e realizar viaxes fóra dos horarios de maior intensidade de tráfico.