Publicador de contidos

Publicador de contidos

A DXT inicia unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar

A DXT inicia unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar

Galicia é a comunidade con máis rutas escolares de España, con 3.800 liñas activas

O ano pasado controlaron un total de 400 vehículos e formularon 488 denuncias

O 90% dos accidentes nestes autobuses teñen lugar ao subir ou baixar do vehículo

 

G24.gal 09/11/2025 17:20 Última actualización 09/11/2025 17:33

A Delegación do Goberno en Galicia informa do inicio dunha campaña especial de control e vixilancia do transporte escolar dende este luns ata o vindeiro venres, día 14.

Durante estas xornadas, e baixo a coordinación da Dirección Xeral de Tráfico, axentes da Garda Civil e das policías locais comprobarán se os autobuses e os condutores cumpren coa normativa vixente.

Entre outras obrigas, está a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.

Esta campaña ten unha transcendencia especial en Galicia dada a grande extensión de rutas existentes. De feito, é a comunidade con máis liñas de transporte escolar, ata 3.800 entre as públicas e as contratadas en todos os niveis educativos.

Segundo os datos das autoridades educativas, en cada curso académico o servizo de transporte escolar acolle máis de 90.000 alumnas e alumnos e préstanse acotío 7.000 servizos, entre centros educativos públicos, concertados e privados.

Aínda que a vixilancia por parte da agrupación de Tráfico da Garda Civil é permanente, esta semana intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas.

O obxectivo é concienciar familias, responsables educativos e choferes da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte.

Realizaranse controis de carácter administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter os vehículos para a correcta prestación do servizo.

Tamén se verificarán as condicións técnicas e os elementos de seguridade, así como os requisitos especiais que debe cumprir o condutor, entre eles os tempos de descanso.

Estes autobuses teñen estipulada unha antigüidade máxima, deben contar cun seguro de responsabilidade civil ilimitado e levar o sinal de transporte escolar.

Seguridade e menores

De acordo coas estatísticas da DXT, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos.

En moitos casos, son atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor ou dos acompañantes. Segundo Tráfico, unha gran parte dos sinistros con lesións graves están relacionadas coa ausencia do uso adecuado dos cintos de seguridade.

Resultado da campaña anterior

Durante os cinco días que durou a mesma campaña en novembro do pasado ano, controlaron 400 vehículos dos cales, o 59,5% (238 vehículos) foi sancionado cun total de 488 denuncias formuladas.

O groso das infraccións foron irregularidades administrativas, entre elas, 136 por non dispoñer da autorización especial para este transporte e 87 por non ter subscrito un seguro de responsabilidade ilimitada ou non levalo a bordo.

Doutra banda, un dos condutores controlados durante a campaña deu positivo no control de drogas. Ademais, 26 foron sancionados por carecer de sinal de transporte escolar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos