Publicador de contidos

Publicador de contidos

A dous meses do Nadal, xa hai restaurantes que esgotaron as reservas para as ceas de empresa

A dous meses do Nadal, xa hai restaurantes que esgotaron as reservas para as ceas de empresa

G24.gal 24/10/2023 21:14

No restaurante Asador Coruña, cunha capacidade total para 200 persoas, xa non se poden reservar ceas de Nadal nalgunhas datas de decembro. Teñen todo completo. "A fin de semana do venres 15 estamos completos. Ceas de empresa hai máis o venres que o sábado, porque o sábado hai grupos máis reducidos. Pero si, esa fin de semana estamos completos", explica Alberto Méndez, dono do Asador Coruña.

Outro tanto ocorre nos hoteis da cidade que dirixe Nuria Blanco, quen comenta: "O ano pasado as reservas de Nadal confirmáronse a mediados de novembro, pero agora mesmo xa temos todo vendido neste Hotel Plaza e no Hotel Avenida quédanos algún oco que agardamos que se ocupe con reservas de última hora".

A maior parte dos locais de hostalería ofertan distintos tipos de menús para adaptarse ao peto de cada cliente. Á modalidade do banquete en mesa súmase tamén o formato cóctel, que cada vez é máis demandado. "Nas ceas de empresa trátase de que todos interactúen con todos e por iso nos están a pedir moito máis os formatos de cóctel", engade Nuria Blanco.

Espectáculos musicais adoitan completar a oferta das ceas de empresa de Nadal. Alberto Méndez do Asador Coruña confirma que esta fórmula si que está en auxe. "A xente busca locais que despois teñan un pouco de música, un pouco de espectáculo, que é unha oferta bastante atractiva".

Para as ceas do Nadal aínda quedan dous meses, pero recomendan non descoidarse para non arriscarse a quedar sen reserva. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade