A debate os petiscos de balde con cada consumición
Unha tradición moi arraigada en Galicia que sorprende os que veñen de fóra
Os hostaleiros utilizan a tapa como gancho, pero cada vez sae menos a conta
En Galicia estamos tan afeitos a que nos poñan unha tapiña coa consumición que cando falta....
"Non é o mesmo, a verdade".
"Na miña opinión as tapas sempre son un valor engadido", comentan varios clientes.
Tanto é así que moitos van aos locais polas súas tapas de cortesía.
"Si, cando quedamos cos amigos pois dicimos quedamos en tal sitio porque poñen máis tapas".
"Iso xa está comprobadísimo".
"E de feito os bares que están funcionando son os que poñen máis tapas".
"Gratis, claro", continúan.
Esa é outra, que as tapas sexan de balde.
"Se non ma dan de balde, non vou a ningún sitio".
"Non me importaría que cobrasen máis a bebida, e así ao mellor amortizan o gasto, pero eu non o sinto tan así".
"E aínda que cho cobren por detrás, se cho serven sen dicir pois como que é cortesía da casa, non?"
"Home, teñen que ser de balde aínda que che cobren un pouco máis a consumición, iso é cortesía da casa, debería ser así".
Na outra cara da moeda están os hostaleiros. Utilizan a tapa como reclamo, pero non sempre sae a conta.
"Os custos van incrementando moito e cada vez é menos rendible poder asumir ese custo de balde dunha tapa", explica José Luis Pardo, hostaleiro.
"Sería mellor poñer a bebida un pouco máis barata e a tapa ou pagala ou quitala", apunta Ramiro Martínez, hostaleiro de Lugo.
É por isto que en moitos sitios fóra de Galicia ou non a poñen ou cóbrana. Aquí os turistas sorpréndense.
"Están pouco afeitos a que lles poñan tapa e flipan coa tapa, a verdade que si. Pero soen ser digamos un 80, 90% son xenerosos", di o hostaleiro de Santiago, Daniel Rey.
Este hostaleiro teno claro no debate tapas si ou non.
"Ou sexa, si e de balde. Se hai que cobralas xa non as poño", afirma categórico.