A DANA deprázase ao interior da península e pon en alerta catro comunidades
Na serra madrileña recolléronse esta mañá máis de 40 litros por metro cadrado
Despois de descargar con forza sobre o Levante, a DANA desprázase agora cara ao interior e o norte da península, onde hai 4 comunidades en alerta por chuvia.
Na serra madrileña recolléronse esta mañá máis de 40 litros por metro cadrado. Numerosos vehículos arrastrados polas augas, rúas cheas de lama e vivendas asolagadas. É o rastro deixado pola DANA na localidade murciana de Molina de Segura, onde en dúas horas descargou máis de 100 litros de chuvia por metro cadrado.
As fortes precipitacións trasládanse agora ao centro e norte da Península. Madrid, as dúas castelas e o norte de Estremadura están en alerta amarela por chuvias acumuladas de ata 20 litros por metro cadrado nunha hora e 40 litros en 12 horas.
Desde a medianoite, os bombeiros madrileños fixeron 17 intervencións relacionadas coa chuvia e no 112 recibiron máis de medio cento de avisos por balsas nas estradas, baixos inundados e caída de pólas de árbores.
Nas últimas horas, a chuvia caeu con forza tamén en varios puntos da provincia de Castelló. En Almassora recolléronse 68 litros por metro cadrado acumulados en oito horas e en Torreblanca, preto da capital, máis de corenta.