Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Coruña e Pontevedra activan aviso amarelo por choivas de 40 litros en doce horas

A Coruña e Pontevedra activan aviso amarelo por choivas de 40 litros en doce horas

Na Coruña as zonas que estarán baixo aviso por fortes precipitacións serán o noroeste, suroeste e zona oeste, mentres que a alerta en Pontevedra afectará o interior da provincia

G24.gal 10/01/2025 08:54

As provincias da Coruña e Pontevedra activarán avisos amarelos (risco para certas actividades) hoxe ao mediodía por fortes choivas que poderían deixar ata 40 litros por metro cadrado en doce horas, segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Na Coruña, as zonas que estarán baixo aviso por fortes precipitacións serán o noroeste, suroeste e zona oeste, mentres que a alerta en Pontevedra afectará o interior da provincia. 

"De feito poden deixar máis de 15 litros nunha hora nas comarcas do litoral da Coruña, e máis de 40 litros en doce horas nas provincias atlánticas", explica Carlos Otero, meteorólogo de Meteogalicia

Será unha fronte moi activa, pero pasaxeira. Algo así como unha propina de chuvia, despois dunha semana pasada por auga.

Pero a partir da tarde do sábado, a cousa cambiará radicalmente. Abriranse claros e volverá o tempo seco  grazas a un anticiclón co que poñer a secar os ósos.

"As altas presións está previsto que se sitúen ao norte de Galicia, serán estacionarias, estarán varias xornadas consecutivas na mesma ubicación bloqueando a entrada de borrascas e traendo tempo seco", engade o meteorólogo.

Ese escudo antiborrascas podería durar ata o venres que vén. Pero antes, toca mollarse un pouco máis e ter coidado na costa, onde tamén hai aviso amarelo por ondas e vento para as proximas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade